Reflexionando, que é xerundio

OPINIÓN

siro

08 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos en xornada de reflexión e, como non quero turbarme nin turbar a ninguén coas intervencións de líderes e candidatos dispostos a degolarse dialecticamente ata o último minuto, vou recordar algunhas anécdotas divertidas ou curiosas da relación entre política e medios de comunicación, para despois seguirmos reflexionando coa alma serea e un sorriso nos beizos.

Empezo coa fuga de Napoleón da illa de Elba, onde levaba un ano exiliado ao ser derrotado en Leipzig. Alexandre Dumas deu a coñecer os titulares do xornal Le Moniteur Universail segundo o xeneral se achegaba a París. 28 de febreiro: «O antropófago saíu da súa gorida». 6 de marzo: «O tigre chegou a Gap». 7 de marzo: «O monstro durmiu en Grenoble». 13 de marzo: «O tirano entrou en Lyon». 18 de marzo: «O usurpador avanza, pero non conseguirá entrar en París». 22 de marzo: «A Súa Maxestade Imperial e Real ocupou o Pazo das Tullerías aclamado pola multitude».

Despois do desastre electoral da UCD en 1982, Suárez creou o CDS, os socialdemócratas pasaron ao PSOE, os democristiáns a AP e os liberais, tras fracasar con Antonio Garrigues como líder, viron no catalán Miquel Roca o político que podería e debería gobernar España, polo que crearon para el o Partido Reformista Democrático e puxeron en marcha a Operación Roca. Non contaban con Xosé María Calviño, director de TVE, que sacou na pantalla as máis das veces a Roca falando catalán e con tradución superposta. Fóra de Catalunya non o votou ninguén.

Aquel Juan Aparicio, delegado nacional de Prensa que nos anos cincuenta quería levar a Ramón Piñeiro a Madrid para «apretarle las clavijas del centralismo» por traducir a Heidegger ao galego, non tiña límites morais ao tentar lavar a cara do franquismo e aproveitou a edición dun libro disparatado dun escritor francés para levar á prensa a versión de que Lorca fora asasinado por un amante celoso. Cosa de maricones. Ao velo publicado en La Estafeta Literaria, Dionisio Ridruejo, conselleiro nacional do Réxime, escribiu ao ministro de Información e Turismo, Gabriel Arias Salgado: «El artículo de La Estafeta es de los que deshonran a quienes lo escriben y lo publican, y a los que lo leen sin rebelarse».

A última anécdota é miña. En 1995, Xerardo Estévez era alcalde de Compostela e Encarna Otero concelleira do BNG. Debuxeinos nun sofá, o alcalde tentando seducila e ela asustada. Encarna abriu e pechou o xornal nun santiamén e convocou una rolda de prensa para anunciar accións legais contra min. Chameina e dialogamos:

—Que pasa coa caricatura?

—Pero, Siro, é que me está violando!

—Cunha botella de champaña nunha man e dúas copas na outra?

Abriu o xornal e a viñeta non era a que ela vira. Pero non desconvocou a prensa nin trocou o discurso, e eu non volvín debuxala. Nunca máis.