Nunca me dixeron quérote

Concepción Rodríguez Pérez LIÑA ABERTA

OPINIÓN

María Pedreda

19 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dise do amor que é cego, e talvez o sexa, ou talvez será que nós temos puntos cegos que non nos permiten diferenciar ben, ás veces, o que é amor. O que si quero afirmar é que o amor non é xordo nin mudo. Os seres humanos somos a especie máis gregaria do planeta, quer isto dicir que somos os animais que máis necesitamos apegarnos aos outros, especialmente recén nacidos. O sistema de apego fai que podamos sobrevivir nun mundo onde se fósemos deixados soíños non durariamos moito tempo vivos.

Gustaríame afirmar que ter sobrevivido despois de nacer é garantía de que fomos amados, e talvez o fomos, mais se non nos foi ben comunicado ese amor, no noso sistema pode haber unha enorme carencia, e un funcionamento desregulado en canto a manexo das emocións se refire, especialmente no ámbito das relacións afectivas.

Noutras palabras, todos os seres humanos nacemos coa necesidade de sermos amados ou amadas, e é nese proceso de interacción afectiva que aprendemos nós a amar tamén. A amar non se aprende amando, amando comunicase amor; a amar apréndese sendo amadas e amados polas nosas figuras de seguridade, as persoas adultas que nos coidan.

Polo tanto é crucial a comunicación dese amor. E que mellor forma de comunicar esa emoción, ese sentimento, que coa palabra «ámote» ou «quérote»? Mais a palabra, mesmo que importante, non é suficiente. A palabra é a mensaxe dixital, a mensaxe explícita, mais o sentimento real que sinto, o como eu me sinto cando che digo esa palabra, esa é a mensaxe implícita.

Esas dúas partes da mensaxe total, parte explícita e parte implícita, poden ser congruentes ou poden ser incongruentes. Se ambas son congruentes, a mensaxe dixital é reforzada. Ora ben, se o ton emocional é disonante co que a palabra quere indicar, aí entón a palabra cae e quedamos só co significado que o ton emocional nos deixou na experiencia.

Polo tanto, a comunicación da emoción, sexa con palabra, sexa con xesto, ou con obra, pode expresar «quérote». Mais o ideal é practicar unha comunicación consciente, asertiva. Comunicar amor, cariño, afecto… por todos os medios ao noso alcance, coa palabra, coa mirada, co sorriso, o abrazo, o xesto de coidado, todo en sintonía.

Se aprendermos ben iso na infancia, é dicir, se fomos ben amados ou amadas, sairanos máis fácil de adultas facer esa comunicación consciente. Mais se non foi así, esa carencia vai marcar as nosas futuras relacións afectivas, como quen seguise un mapa de navegación errado.