Vizosas

Tamara Montero
Tamara Montero CUATRO VERDADES

OPINIÓN

Olga Viza moderó el segundo cara a cara entre José Luis Rodríguez Zapatero y Mariano Rajoy antes de las elecciones generales de marzo del 2008
Olga Viza moderó el segundo cara a cara entre José Luis Rodríguez Zapatero y Mariano Rajoy antes de las elecciones generales de marzo del 2008 BENITO ORDÓÑEZ

08 abr 2024 . Actualizado a las 08:44 h.

Non o sabía daquela, pero nosoutras nacemos aquel mesmo día, abrollando nas bágoas que pingaron dende Barcelona ata Fraga. Sementounos nos saloucos bravos de quen ousara unha e outra vez ser primeira e agora, de novo, abría sucos naquela viaxe por estrada. Tripou centos de quilómetros cos ollos pousados no porvir mentres deixaba amizades, familia, cadeira na redacción de Televisión Española e tamén a súa casa.

Non o sabía daquela, pero nacemos desa viaxe aos informativos dunha televisión privada. Malia que os crupieres son homes neste casino alicerzado nas palabras, Olga Viza sempre soubo como xogar as súas cartas. E fomos medrando aos poucos aprendendo que era normal que dirixiramos un telexornal. Que estiveramos en pantalla. Agora, nunha sala ateigada, escoitabamos de novo esa voz, a que lembraba a unhas cativas, logo adolescentes, despois adultas, que as mulleres que opinan son perigosas, pero moito máis arriscado é quedar caladas.

Olga, non podía ser doutro xeito, aínda que se cadra con isto non contabas. Vizosas, medramos a centos as que non coñecemos outro oficio que o de amorear letras e falar do que pasa. Vinculeiras desta corrente eléctrica que por fin sinto de novo nos dedos cando se pousan nas teclas, orgullosas obreiras da palabra. Agora sementamos nós. A legoña déronnola as xornalistas que decidiron que era tempo de que todo mudara.