Actos de repulsa

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

Case dá vergoña esa ostentación da frustración que significan as concentracións en sinal de repulsa cada vez que un asasinato machista nos lembra que hai miserias que o Código Penal non resolve: nin a cadea perpetua nin a pena de morte disuadirían a quen é capaz de matar morrendo, como fixo en Palmeira Jhul Príncipe, que tentou suicidarse despois de, supostamente, matar a Andrea Yturry. El, verdugo dela e xuíz de si mesmo: o poder sempre do seu lado. Só tiñan vinte e cinco anos, pero repiten o Código de Hammurabi do patriarcado, demostrándonos que non lles ensinamos a ver aí os valores desfasados dunha civilización vergoñenta.

Quizais nos trabucamos as feministas cando definimos a violencia machista como terrorismo, apropiándonos así da mesma inxenuidade desde a que críamos que os nosos actos de repulsa farían mudar de opinión aos terroristas. Ao revés, o noso doo convertido en acto político dálles ás a eses que, minutos despois da manifestación, comparten connosco ocio e oficina e exercen o machismo diante do noso silencio cómplice. De pouco serve escenificar o noso compromiso diante de cada orfo que queda aí, vendo apagarse a escenografía para saír á rúa, onde a realidade é que as mulleres seguimos sendo propiedade da fratría.

Só hai un xeito de acabar con isto: situar a súa catadura moral por baixo das cascudas, eliminar do mapa toda conmiseración, condenar ao ostracismo a todo aquel que os xustifique, deixar sen alento social a quen se atreva a enarborar a bandeira miserábel dun código de valores troglodita. Para iso, saian das escaleiras do concello e fagan a foto educando, educando e educando. Tamén vale renunciar aos privilexios. E ser implacables con calquera forma de machismo.