
En Cádiz reborda a beleza. Como un chafarís de prata. Barbate é un concello desta provincia espléndida. O venres pasado unha narcolancha, negrísima, embestiu a unha zodiac da Garda Civil. Asasinaron a dous axentes. Os vídeos que rapidamente se fixeron virais recollen os apupos, asubíos e vítores dalgúns que contemplaban a escena. Animaban aos narcotraficantes a que afundisen a embarcación dos axentes. Conseguírono, reitero, entre as aclamacións dalgúns miserables. Pregúntome qué parte da sociedade pode estar tan enferma para actuar deste modo vil. Foi en Barbate. Pegada ao cabo de Trafalgar. Alí, en Los Caños de Meca, poden contemplarse albores e ocasos que penetran na túa pel. Ou na túa alma. Dixen, e reitero, que nas terras de Cádiz reborda a beleza. Porén, moito me temo que na historia de Barbate ha de quedar esta traxedia marcada con lume na súa fronte. Máis aínda que a derrota das armadas española e francesa a mans do británico Nelson. A derrota de Trafalgar é nimia comparada coa derrota do pasado nove de febreiro. É como se cravaran no medio de Barbate unha navalla, como se intentasen tronzar a súa beleza... como se nada importase: dende a inconsciencia, ou dende a maldade, aclamaban o afundimento dunha lancha da Garda Civil. Loitan desde hai anos, os axentes, en inferioridade de condicións contra as mafias do narcotráfico. Levan reclamado, mes a mes, melloras nas súas equipacións (humanas e instrumentais). Para nada. Para que chegase un 9 de febreiro e a lei da xungla se implantase nun lugar fermoso, cálido, amable. Esta España está cruzada polo absurdo. A que se dedica o Goberno? En Barbate miles de persoas, honestas e cautas, preguntan o mesmo.