Mil millóns de pélets

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

ANGEL MANSO

21 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos experimentos máis famosos da oceanografía física comezou cun accidente en 1992. Un buque perdeu no medio do océano Pacífico un contedor no que ía un cargamento de miles de patiños de plástico. Eses patiños foron aparecendo nos seguintes anos en Alaska e mesmo chegaron ao Atlántico, tras cruzar o estreito de Bering e pasear polo Ártico, nunha viaxe que equivaleu a máis da metade da circunferencia da Terra. Ese accidente permitiu a dous investigadores mellorar o cálculo das correntes oceánicas.

O recente accidente do contedor de pélets en Portugal é unha nova versión dese suceso. As correntes espallaranos durante moito tempo ao longo dunhas extensións enormes. Nunha praia coruñesa unha persoa recolleu, tras media hora de traballo, máis de cen. O peso total: 2,4 gramos. No laboratorio vin que facían falla 56 para ter 1 gramo. Isto quere dicir que cada saco de 25 quilos levaría 1,4 millóns de pélets, e polo tanto o contedor de 26 toneladas levaría da orde de 1.400 millóns. Apañando un a un, unha persoa só poderá sacar 5 ou 10 gramos nunha hora de traballo (unha botella de plástico pesa da orde de 30 gramos). O experimento dos patiños dinos que, cando se produce un accidente con obxectos flotantes dispersos, como non se actúe case de inmediato no lugar da caída antes de que se espallen, pouco remedio haberá. A partir de aí, veremos persoas nas praias botando tres horas só para xuntar un peso de pélets como o dunha botella de plástico.

Os patiños seguiron aparecendo nos seguintes quince anos polo mundo adiante.