Inxustiza inversa

OPINIÓN

XOÁN REY | EFE

20 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro as discusións salomónicas cando no 2005 Touriño anunciou a gratuidade dos libros para todo o alumnado de primaria. Para moita xente aquilo era unha medida audaz que procuraba a equidade educativa; para a oposición, e non só, era unha medida nefasta porque supoña o gasto público duns 20 millóns de euros cando non todo o mundo precisaba desa axuda. Houbo críticas a moreas, mesmo de Feijoo, que anos despois instalaría un sistema, ao meu ver máis xusto, como é o do fondo solidario e onde se teñen en conta, entre moitos outros criterios, a renda familiar.

Alfonso Rueda, baixo un enfoque aparentemente democratizador, vén de anunciar a medida estelar e indiscriminada da gratuidade universal para a matrícula universitaria. Sen saber aínda como se vai desenvolver esa promesa, nin de onde se van tirar os cartos, nin ter en conta a interferencia ou a incompatibilidade coas bolsas estatais que xa se destinan a unha finalidade similar, teño para min que, desta volta, estas axudas poden traer consecuencias máis ben negativas, porque se vai financiar a educación de moitas persoas que ben poden permitirse pagala, o que supón un desperdicio ou unha distribución desigual de recursos, e tamén unha sorte de inxustiza inversa.

Coido que o mellor que pode facer un goberno, sen esquecer a educación superior, é tratar de investir máis na educación primaria e secundaria para asegurar, cando menos, unha igualdade de oportunidades dende o principio. E como a medida anunciada por Rueda non ten en conta criterios baseados na necesidade, que son os que adoitan eliminar as barreiras económicas para moita xente, fai que un albisque máis de unha semellanza coas bolsas para ricos que aí atrás propuxo a presidenta Ayuso.