Previr a depresión en adolescentes: intervención comunitaria grupal

Beatriz Gómez Gómez TRABALLADORA SOCIAL

OPINIÓN

Martina Miser

13 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O 13 de xaneiro conmemórase o Día Mundial de Loita contra a Depresión, un trastorno que incide significativamente nas taxas de mortalidade, afectando a persoas de todas as idades, sendo nomeadamente adolescentes e maiores os grupos máis afectados. No relativo aos adolescentes, a depresión ten un gran impacto no seu crecemento e desenvolvemento persoal, sobre todo nas relacións familiares e interpersoais e no rendemento escolar, sendo un factor de influencia directa nas expectativas de futuro deste grupo etario, por isto me parece esencial intervir neste grupo.

Einstein xa dicía que se se buscan resultados distintos non se debe facer sempre o mesmo. Baixo o meu punto de vista, esta cita tamén debe aplicarse no ámbito da saúde mental, e, con máis motivo, nas actuacións levadas a cabo con adolescentes. Se falamos de novas vías de actuación para previr a depresión e os intentos de suicidio na mocidade, en Galicia podemos dicir que fomos innovadores á hora de poñer en marcha o YAM (Youth Aware of Mental Health, ou Xuventude Consciente da Saúde Mental), un programa innovador baseado na intervención grupal comunitaria e patentado polo instituto Karolinska.

O YAM é un programa escolar, de prevención primaria universal, dirixido á mocidade de educación secundaria, no que os adolescentes aprenden e debaten sobre saúde mental. YAM foi avaliado nun ensaio clínico no que participaron máis de 11.000 mozos e mozas de varios países da Unión Europea. Os resultados desa investigación amosaron que, de tres programas de promoción da saúde mental e prevención do suicidio nos centros educativos valorados, a intervención YAM era eficaz para reducir os novos casos de intentos de suicidio e a ideación suicida grave aproximadamente nun 50 %, reducindo os novos casos de depresión arredor dun 30 %. Observouse tamén que YAM aumenta o apoio entre iguais e fai aumentar a solidariedade no grupo.

Con estas credenciais chega, tras un longo e inxente traballo de moitos profesionais, nomeadamente do psiquiatra Alexandre García Caballero, este programa a Galicia, formando parte do protocolo de prevención e actuación nos ámbitos sanitario e educativo ante o risco suicida infanto-xuvenil, das consellerías de Educación e Sanidade, sendo cofinanciado polo FSE.

Nos centros educativos é onde a mocidade pasa a maior parte do seu tempo, e por iso é esencial poñer neles o foco da prevención, a través da intervención comunitaria, dándolle voz á mocidade para falar sobre saúde mental a través de debates, reflexións grupais, xogos de rol, etcétera.

Do que trata o YAM é de convidar aos adolescentes a dotarse de ferramentas e recursos de apoio para, máis que aprender a evitar os problemas da vida cotiá, saiban cómo xestionar o estrés que lles xeran, posto que quen nos formamos para impartir a intervención YAM sabemos que non servirá para reducir as fontes de estrés ou as situacións complicadas dos menores, porque estas, como as ondas do mar, sempre van a existir. O que pretendemos é amosarlles esas ondas, esas situacións difíciles, e axudarlles a empezar a surfealas, amosándolles ferramentas para o futuro.

Se moito do sufrimento é social, as respostas non poden seguir sendo individuais, reatribuindo a orixe do malestar ao individuo. Por suposto que están as enfermidades que requiren respostas asistenciais, pero tamén cómpre traballar desde a intervención comunitaria grupal, xerando espazos colectivos de reflexión, etcétera.