Non é a primeira vez que a Feijoo se lle atragoan as matemáticas, e é unha mágoa que iso lle pase a el, o Gran Xestor. Aquí xa albiscaramos que algo había desa ferida formativa, malia que só o escoitabamos falar en contadas ocasións en varios lustros de goberno, pero non nos preguntou ninguén. Non me refiro, obviamente, ás súas deliciosas confusións: que se PSOE e PP suman o 94 % dos votos cando en realidade é o 64 %, que se unha bolsa de plástico é máis cara que un quilo de laranxas, que se dous por dez é 22 millóns de afiliados á Seguridade Social... Todo iso é precioso, pero podería pasarlle a calquera.
En realidade, o seu problema coas mates é outro. Igual que hai unha física anterior a Einstein, en España hai unhas matemáticas anteriores ao artigo 99 da Constitución. Teñen que ver con esa falacia da lista máis votada, coma se o Goberno dependese do número de votos da xente e non dos votos parlamentarios. Se polos votos brutos fose, ao mellor os lustros galegos de Feijoo esmorecerían como esmorece o sorriso de Ayuso onda el. Pero despois da Constitución, en cambio, as mates fanse con ecuacións tan bonitas coma incomprensíbeis para Feijoo, quen, por moito que queira convencer os que apartan as cortinas para defenestralo, xa intúe que as contas non saen. Este mes de paripé nin sequera lle serve para aprender a nova aritmética, senón para velo pasear de despacho en despacho facéndose o home de Estado cando só anda a esmolar. É a repesca de quen ten o cálculo tan suspenso coma Dereito Constitucional I.
Feijoo é un pequeno heroe grego a quen o Destino só deparaba unha cadea de equivocacións que comezaron o día que pasou o Padornelo. Velaí por que os gregos, canda a Traxedia e a Democracia, inventaron as matemáticas.