E un percebe!

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

M. S.

Pensaba eu que hai comidas que non presta facer para un só, pois saben moito mellor se se prepara un pucheiro grande. Debe ser cousa da concentración. É o caso dos callos ou dun cocido. Presta máis se un pensa que vai ter unha mesa chea de comensais. Porque poñerse coa cachucha, os chourizos, o touciño e a verdura para un... Ademais do traballo, fai falta unha pota chea e ao final non sabe tan ben.

Pero logo do que me contaron, xa non sabería que dicirlles. A anécdota non sei se se propiciou porque a vida está moi cara e hai manxares que resultan prohibitivos ou por descoñecemento do produto. Ao mellor tan só quería probar o manxar, por se non lle gustaba. E claro, ao prezo ao que vai... O caso é que me fixo moita graza que un cliente lle pedira a un hostaleiro se lle podía cocer un percebe. Un. Ata é difícil soltalo da piña que forman se non aparece só!

Intento visualizar na miña mente unha pota de auga con sal (eu son das que evito o loureiro para a preparación do marisco) cun triste percebe danzando no medio... e vólveseme un chiste. Diría que o pobre do molusco non sabería a nada, esluíndose a súa esencia en semellante cantidade de caldo. Mais todo é probar, quen sabe, igual estou equivocada.

O que si pode pasar é que na casa xa quede o de «e un percebe!» como ramo de moitas contadas. Porque o exemplo, non me digan, é marabilloso. O socorrido «e tamén dous ovos duros» do camarote dos Marx vai ter unha variante galega ben xeitosa.

Déixolles aquí a reflexión. E un percebe!