Iso preguntaba Rigoberta Bandini en Mamá, o himno feminista ao que, coma ás Tanxugueiras, tan ben lle veu non representarnos en Eurovision. E ultimamente poderíase engadir un verso, quizais demasiado conceptual para a discoteca, pero podemos permitirnos a intelixencia: por que o noso torso espido asusta e o deles non?
Que molesta tanto no xesto da cantante Rocío Saiz, interrompida por un policía en pleno concerto por ensinar o peito, que non molesta cando Iggy Pop fai o mesmo? Por que se Amaral se solidariza coa liberdade expresiva da anterior son «ganas de chamar a atención», na linguaxe cuñada de Twitter, pero os milleiros de españolas que facemos topless pasamos felizmente desapercibidas?
E non será que o molesto é a liberdade e non as tetas?
Canto lle gustaba a esta mesma España nos oitenta que a Sabrina se lle saíse por fóra un peito ao ritmo daquela horrorosa —e moi elocuente— Boys, lembran? Estivemos pouco hábiles aí as feministas: pola mesma época só había que dicirlle a Cicciollina que berrase «Liberdade!» para que a tomasen politicamente en serio e para acabar de vez co baboseo provocado por todo aquel nacional-catolicismo que tamén saía por fóra. A liberdade de expresión das mulleres báixalles a libido, amigas! Así que xa sabemos como evitar os babosos que lle falan ao noso escote ou aos que poñen a toalla ao pé da nosa para imaxinaren a fantasía pornográfica de moda: palmas, freedom a ritmo de Aretha Franklin e listo. A liberdade de expresión das mulleres arrepía. Porque a liberdade, en xeral, arrepía a quen prefire ver en cada muller unha criada coas tetas e, o demais, ao seu servizo por dereito natural.