Rural 5G

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

F. de la Abadía

05 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei exactamente que implica o 5G, pero vén sendo algo así como a última xeración de telefonía móbil. Grazas a ela imos ter maior ancho de banda e unhas velocidades de descarga supersónicas. Como adoitamos dicir na nosa zona: diolopaje.

Cando foi da pandemia e nos illaron a todos nas casas, tamén para traballar, o gran problema foi o servizo de internet. Na miña vila natal non había fibra. Nas aldeas si, por estarmos en plena promoción do rural. Se ía á aldea, podía subir e baixar arquivos do servidor con maior facilidade, na vila era misión imposible.

Claro que iso do rural... tamén é sectario. Na aldea dos meus sogros levamos anos sen conexión a wifi salvo cos datos do teléfono móbil. Nin fibra, nin cable, nin nada. Non poñen nada. No fondo, estannos arrastrando á cidade, onde tardo dez veces menos en realizar as miñas xestións (básicas) cibernéticas.

Hai uns días soubemos da posibilidade de poñer fibra na casa da vila. Alá fomos correndo a solicitala (meus pais teñen que conectarse co cable se queren ter un servizo mínimo). Chegou o técnico e queriamos aplaudirlle, mais pouco nos durou a euforia. Que se teñen que solicitar vostedes un poste, que no existente é complicado... Total, que estamos peor ca antes, sen fibra e desesperanzados.

Faime pensar no veciño de Ourol que, para chamar unha ambulancia, tivo que andar buscando cobertura 600 metros á redonda. Vaia servizo!

Moito 5G e moito anuncio de conexión no rural. Pero a realidade, podo constatala, deixa moito que desexar.