Ardemos

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ARIS MARTAKOS | EFE

29 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia está tendo un verán fresco, ata chuvioso e, polo de agora, libramos dos habituais incendios. Pero o tempo está tolo e o planeta en xeral sofre unha epidemia de calor.

España leva varias alertas vermellas por calor. A temperatura da auga do mar está aumentando de maneira desorbitada. Os lumes arrasan a zona do Mediterráneo e máis alá. Canadá leva meses ardendo. Hai miles de focos de incendios. Ardemos. Estamos matándonos. A presencia de dióxido de carbono no aire, debido á gran cantidade de masa forestal que se está a queimar, é a máis alta en millóns de anos. Iso é o que respiramos. Preocupámonos da contaminación das vacas cando debéramos estar levando as mans á cabeza debido á situación ambiental que nós mesmos estamos creando.

Di o dito que somos o que comemos. Tamén o que respiramos. E estamos absorbendo moito lixo. Non sei que máis fai falta para que tomemos conciencia da imperiosa necesidade de coidar a Terra. As imaxes das linguas de lume tragando os montes parece que non son suficientes. Non chega con ver o ceo tinxido de laranxa polo reflexo das lapas, impedindo unha visión clara aos medios aéreos que participan nos labores de extinción. Seguen a morrer bombeiros comidos polos incendios. Prodúcense migracións de bancos de peixes e mortes en masa dos mesmos debido ao incremento da temperatura dos océanos. Derrétense os polos.

É tempo de reaccionar. Non hai un mísero instante máis que perder. Non o hai. Ímonos queimar.