A televisión pública española anunciou que está gravándose a derradeira tempada de Cuéntame, a serie que demostrou que a familia Alcántara era como Forrest Gump, pois, como o personaxe interpretado por Tom Hanks, Antonio e Merche sempre estaban alí onde pasaban as cousas, sexa a carón do automóbil voador de Carrero Blanco ou no instante no que o rei campechano saía pasear coa súa moto. Esa serie, que acompañou a millóns de persoas durante anos e anos (tantos que cheguei a sospeitar que veriamos a familia Alcántara no ano 3000, pasándonos por diante aos pobres que aínda andamos polo 2023), remata á fin para alivio dos que, durante tantos anos e anos de serie o único que vimos aí foi, amparándose na escusa da nostalxia, unha exaltación dun tempo pasado como algo marabilloso cando, en realidade, aqueles tempos foron unha cutrada. Porque aquel franquismo no que os cativos mercaban cromos, xogaban na rúa e os mandaban á catequese era cutre. Porque aquela Transición que nos contaron non foi tan de bo rollito como nola contaron, senón algo máis cutre. Porque aquela movida de Madrid foi especialmente cutre, esaxerada e sobredimensionada. Cutre.
Cuéntame, ademais, insiste nunha idea que aos que andamos polo que por Madrid chaman «provincias» (toma colonialismo) nos repele especialmente e non é outra que esa crenza, que Ayuso repite coma un mantra feliz, de que «Madrid es España y España es Madrid». E para nada foi así. En Cataluña, en Galicia, pasaban cousas moi interesantes que non foron contadas polos de Cuéntame que contaban contos de manufactura centralista. E hai máis mundo intelixente que o que vai da Castellana a Chamberí, aínda que a moita xente lle pareza imposible.
Vin a serie ao comezo, e valorei dende o primeiro instante que saíse, por exemplo, a vaixela Duralex que tiña miña nai, ou as friameiras de aluminio para levar a comida á praia. Valorei ver aquelas imaxes da tele da miña infancia. Ou os coches-tanque que se estilaban pola época, aqueles 60 e 70 en cor sepia. Pero máis nada. Cuéntame non aporta máis nada. Argumentos sen verosemellanza na que os Alcántara, insisto, estaban no centro de todo. Coma Forrest pero con cheiro a callos á madrileña e chotis.
A serie remata. Esperemos que non volva. Nin a serie nin unha España como aquela do franquismo, onde as mulleres estaban na casa e os nenos en catequese, esperando a mili. Porque hai quen reivindica esa clase de cousas por aí.