Improvisar respostas

Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR DE GALAXIA

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

07 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, un grupo de xornalistas abordaron a Ayuso á saída dun acto. Ata aí todo normal. Un deles preguntoulle algo sobre un recurso a unha lei que ía presentar a Comunidade de Madrid, ou sexa, o seu Goberno. A señora quedou calada, botou un dedo á boca, coma se fose unha meniña pequena á quen lle acaban de preguntar a táboa de multiplicar do 7 e non a estudou. Logo duns segundos de silencio, dixo que non podía «improvisar respuestas». Acto seguido marchou de alí tan feliz.

Na política española (e en moitos faladoiros da tele e da radio) hai demasiados personaxes que non saben que dicir se os sacas do argumentario que alguén escuro e especialista en mover as cabezas das masas elabora cada mañá. Hoxe toca Venezuela. Mañá toca apoderamento feminino. Pasado toca ETA. Semana que vén, o CGPJ. Non son quen de saír do guión. É máis, adoitan recomendarlles que non saian do guión. Nese sentido, Ayuso é a máis aplicada. E, pásmense, non lle vai nada mal. Conseguiu a maioría absoluta sen que lle saibamos nin unha soa opinión persoal sobre nada. Porque o que solta son consignas ben planificadas por quen a asesora.

Boto en falla algo máis de nivel na vida pública en xeral. Xa non só na política. En todo. Hai uns días escoitaba, tralo pasamento de Arsenio, a Paco Liaño, mítico porteiro do Súperdepor, dicindo que agora no fútbol hai moita parvada. O seu diagnóstico, que é acertado, pode trasladarse á totalidade do espazo público. Non hai profundidade nos argumentos, non hai debate de ningunha clase. Hai bandeiras, eslogans e mantras que se repiten compulsivamente en todas partes ata que se embotan as mentes, se enchen os cerebros de baleiro e todo se volve máis doado de manipular. O trumpismo, do que xa falamos sen poñernos encarnados, ten este tipo de cousas.

E todo se volve un desastre.

Ayuso, a mellor de todas neste asunto, xa dixera unha vez en Telemadrid que «esa no es una pregunta para hacerle a una presidenta». E non contestou. A xornalista, por certo, xa non traballa alí. Seguro que é casualidade. A quen se lle ocorre facer preguntas así, ao chou, de calquera xeito. Hai que preguntarlles o que poidan contestar. Por iso, claro, dan roldas de prensa sen dereito a preguntas dos xornalistas (que clase de rolda de prensa é esa?), ou se permiten o luxo de non ir aos debates electorais, non vaia ser que lles pregunten a táboa do sete e non a estudaran antes. Total, a quen lle interesa que os políticos teñan algo na cabeza. Seica, a ninguén.