Do bo ao mellor

pedro puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO GALEGO

OPINIÓN

Paco Rodríguez

29 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Con 313 procesos electorais, máis catro eleccións indirectas aos gobernos provinciais, e os cómputos a escala autonómica e nacional, malo sería que ningún partido con representación parlamentaria atopase motivos para proclamar que os seus resultados foron bos. Dado que ninguén pode dicir que os seus foron insuperables (ata o economista Abel Caballero seguro que aprecia marxe ata acadar o óptimo paretiano), unha análise apresurada dos resultados de onte só pode centrarse na comparativa: a quen lle foi mellor. En relación, loxicamente, co último proceso electoral da mesma natureza, as municipais de 2019; comparación que neutraliza circunstancias particulares como a que, a nivel local e en relación coas demais eleccións, se constata na cidade máis poboada de Galicia. 

A nivel nacional foille mellor ao Partido Popular. Co 91 % do voto escrutado sube significativamente de porcentaxe (case nove puntos) e supera claramente a un Partido Socialista que deixa polo camiño un punto. A escala autonómica, a tendencia é semellante: co 97 % do voto escrutado, o PP incrementa un 5 % a súa porcentaxe, ata o 38 %; e o PSOE, pese ao desembarco ministerial, perde tres e medio. Deste xeito, o virtual empate das últimas municipais convértese nunha clara vitoria popular, de nove puntos. Os relevos nas direccións nacional e autonómica, lonxe de prexudicar, favoreceron ao PP. O BNG, pola súa banda, incrementa algo menos de cinco puntos a súa porcentaxe: semella que, basicamente, a expensas dunhas Mareas que aínda caen máis. A valoración do resultado do BNG depende de se o comparamos coas súas propias expectativas; e, cando menos, resulta agridoce, se é que contrastamos éxitos como o de Santiago con desgastes como os de Pontevedra, Poio ou Ribadeo.

«Boto de menos os tempos nos que a nostalxia estaba de moda», reflexiona por caricatura interposta Daniel Gascón. Podería ser un bo resumo global: a volta ao bipartidismo, máis ou menos imperfecto, aínda se fai esperar; e algúns sectores do electorado, como en Ourense capital, seguen a botarse nas mans dun populismo irracional.

Xa hai algún indicio dese retorno á estabilidade: dentro de poucos meses comprobaremos se a nostalxia se pon de moda, ou algúns, probablemente algúns máis que hai catro anos, seguiremos a botar de menos aqueles tempos.