Señor Cayo

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

EUROPA PRESS | EUROPAPRESS

Lembro unha novela de Miguel Delibes: El disputado voto del Sr. Cayo. Rara vez as boas novelas, como esta, adoitan producir películas óptimas. Ao contrario: de textos frouxos literariamente xorden magníficos produtos filmográficos e as obras mestras, dende El Quijote a El amor en los tiempos del cólera devalan en filmes técnica e artisticamente moi mellorables. Sempre digo, e reitero, que unha palabra vale máis que mil imaxes. Por iso ao señor Cayo é mellor lelo que miralo. Vive nunha aldea remota, practicamente en ruínas. Ten outro veciño co que non se fala. Un día, na primeira campaña electoral da democracia, chegan tres persoas solicitando o voto dos habitantes daquela aldea. Os contrastes son intensos. O mundo rural (iso que agora denominan a España baleira) posúe valores que ignoran os políticos que chegan da urbe. A sabedoría de Cayo é unha lección de humanidade. A novela, nos falares do señor Cayo, non ten parágrafo que se poida desperdiciar. É unha novela didáctica que non sei se prescriben os profesores. Se non é, debera selo. Un texto pleno de imaxes fermosas, linguaxe equilibrada, natural, melancólica en ocasións, profundamente tenra, sensible. Digo que estes días penso en Cayo e en varios dos seus consellos ao longo do texto de Delibes. Penso que hai moitos Cayos que farán estes días as mesmas reflexións que facía este personaxe entrañable. Talvez precisamos máis Cayos e menos discursos encorsetados, consignas, lemas. Votar é un acto profundamente íntimo. Unha acción que contén en si mesma todos os valores da democracia. Por iso hai que pensar o voto. E hai que votar dende o sentido crítico, libremente. Dende a verdade. Como aquel señor Cayo.