Ninguén me vai crer

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

HENRY ROMERO

15 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Iso é o que, como tantas vítimas de abusos, sente a moza que unha mala noite entrou voluntariamente nun baño co futbolista Dani Alves. Daquela, nerviosa, nin o pensou: o local activou o protocolo de agresión sexual, ela denunciou axiña e aí comezou o seu calvario. Semanas despois daquilo, e unha carísima campaña mediática para desacreditala despois, a rapaza teme que o seu comportamento anterior aos feitos denunciados provoque que o futbolista quede libre, e a súa vergoña para sempre.

Pero o peor non é a liberdade, senón a impunidade. O descrédito das vítimas de agresión ou acoso é directamente proporcional ao sentimento de impunidade dos seus acosadores que, premiados por un sistema que sempre cuestiona a versión das vítimas, se senten lexitimados para agredir aínda máis. É unha cuadratura do círculo tan ben armada, que nin sequera a cacarexada lei do si é si logrará rachala. Imaxinan que deixar as chaves no contacto sexa motivo para non condenar ao ladrón de coches?

A corrección social mantida por unha vítima co seu acosador adoita ser admitida como proba que demostra, basicamente, que non puido ser acosada, igual que o feito de que unha entre nun baño cun home fai máis probábel que queira facerlle unha felación, ca, poñamos por caso, queira meter unha raia con el. Así que, xa sabedes, compañeiras: procurade acudir ao baño sempre acompañadas das vosas amigas, coma cando iades ao instituto.

Por suposto que non a crerán. Sempre é así. Porque, contra o que cren moitos xuíces, crer ou non crer nin é un acto xurídico, nin se contradí coa presunción de inocencia. Pero nestes casos hai que presumir que a suposta vítima dun delito mente, non vaia ser que un acosador ou un violador perda o seu lexítimo dereito a agredir mulleres.