Unha proposta integradora

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Jorge Zapata | EFE

30 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucas semanas, despois do IX Congreso Internacional de la Lengua Española en Cádiz, falaba aquí de Manuel Andújar, novelista andaluz que coñeceu o exilio en México e, entre outras iniciativas, fundou en 1946 con José Ramón Arana a revista Las Españas, unha publicación que tivo varias etapas, mais cun obxectivo básico: crear un espazo de relación e coñecemento entre os exiliados, entre as distintas sensibilidades políticas dos exiliados antifascistas quero dicir, na esperanza de algún día regresaren. Como relataba na marea do pasado 2 de abril, coñecín a Andújar durante a presentación en Madrid dun número da revista catalana Camp del'arpa dedicado ás letras galegas a principios dos anos 80. O escritor intervíu no coloquio cunha reflexión sobre a necesidade de continuar traballando pola construción de vías de coñecemento entre as distintas linguas do Estado. A Constitución que acababa de aprobarse introducía unha nova oportunidade, dicía, que non debiamos desaproveitar, «sobre todo os máis novos, que sodes os responsables do futuro».

A referencia a Manuel Andújar tiña que ver coa nosa intervención no Congreso, xunto co presidente da RAE, Santiago Muñoz Machado, e a presidenta do Institut d'Estudis Catalans, Teresa Cabré. A Euskaltzaindia, que non puido acudir por problemas loxísticos, enviou un escrito de participación. Diante de prexuizos e incomprensións, que segue habendo, cando non desinformacións interesadas, tratábase de crear eses espazos de comunicación (ou polo menos poñer as bases para conseguilo) entre as institucións responsables das linguas que a Constitución española recoñece como cooficiais.

E daquela prometín falar de José Antonio Sierra, xornalista, doutor en Filoloxía, que naceu hai 86 anos en Villanueva de Gómez, a 30 quilómetros de Ávila, e leva toda a vida traballando na causa que comentamos: iniciativas a prol do coñecemento das linguas que a Constitución española recoñece e que deberíamos entendelas coma un patrimonio común (unha riqueza), non coma un territorio de problemas.

En 1971 o abulense fundou e dirixíu en Dublín o Instituto da Cultura Española, que a partir de 1992 pasou a ser o Instituto Cervantes na capital irlandesa. Dende o principio creou aulas para o catalán, galego e éuskaro, ademais do castelán. Non obrigaba a ninguén, mais a curiosidade e ás veces a necesidade (migracións) avivaba as matrículas. Foi profesor en Francia e no Reino Unido, ademais de en Irlanda, e actualmente é o principal promotor da Asociación Diversidad y Convivencia (2004), con centro de operacións en Málaga. O seu obxectivo é conseguir establecer a posibilidade do ensino oficial regulamentado das devanditas linguas en todos os centros públicos de España, empezando por Andalucía. E non se desanima. Calquera interesado pode conectar con el a través da web da asociación.