Falemos de saúde mental

Servando López Álvarez PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN GALEGA DE ANESTESIOLOXÍA, REANIMACIÓN E DOR

OPINIÓN

Ana Garcia

12 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Á hora de abordar o tema da depresión adoitamos escoitar moitos tópicos e mais prexuízos ao respecto. «Non digas nada, ten moita depresión»; «está moi triste; mellor que non o saiban no traballo nin os amigos». Tristeza non é sinónimo de infelicidade, pero hai palabras ou asociacións de palabras que dan medo, como depresión ou suicidio. É dramático coñecer que un 10 % da poboación adulta consome fármacos antidepresivos e un 15 % pastillas para durmir. Son indicadores que mostran que temos un precario sistema de saúde mental que implica un exceso de medicación, cando o que necesitamos son recursos orzamentarios e capital humano que nos proporcione os coidados emocionais que necesitamos, ademais de educación emocional nos distintos ámbitos da vida (nomeadamente no eido familiar e educativo).

No canto de nos lamentar por ter unha prevalencia elevada de suicidio (331 no ano 2021), sería mellor preguntarnos por que non dedicamos máis medios para axudar a querer vivir. Estamos ante un grave problema que é necesario visibilizar, pois falar do suicidio é unha forma de protección fronte ao mesmo. Calquera morte por suicidio poderíase, e deberíase, evitar. Ao respecto, sempre temos a man o teléfono da esperanza (liña gratuíta de atención á conduta suicida no que podemos realizar consultas persoais, así como de axuda a terceiros

Os estados de ánimo son a expresión cognitiva dun proceso biolóxico no que interveñen diferentes sustancias químicas. Intentemos modificar esa correlación, empezando por fomentar hábitos saudables desde a adolescencia (exercicio físico), que aumenten a serotonina e endorfinas endóxenas. Cando se rompa o equilibrio emocional e apareza un problema de saúde mental, a psicoterapia é unha ferramenta útil antes da medicación, ou un complemento á mesma. Agora ben, se dispoñemos da metade de recursos asistenciais de psiquiatras, psicólogos e enfermeiras de saúde mental dos que dispoñen países do noso entorno, e dedicamos menos inversión pública por habitante, que resultados cabe agardar?

Desde o ámbito da anestesioloxía compartimos traballo con psiquiatras e enfermeiras de saúde mental na sala de aplicación da terapia electroconvulsiva. O electroshock goza de mala prensa, abonda con lembrar a imaxe de Jack Nicholson cada vez que recibía descargas eléctricas na película de Milos Forman Alguien voló sobre el nido del cuco. Cambiaron moitas cousas desde a introdución desta terapia. Actualmente aplícase con aparatos computerizados e baixo anestesia xeral e estrita monitorización. Falamos de algo seguro, moi eficaz en casos de depresión severa e manías agudas. Falamos dunha terapia que salva vidas, dun recurso eficaz cando fracasaron ou non aportan os resultados esperados, os tratamentos farmacolóxicos e a psicoterapia. Un tratamento que reduce á metade o risco de morte por suicidio en pacientes con depresión severa tras a súa hospitalización. Hai un vínculo claro entre terapia electroconvulsiva e prevención do suicidio.

Vivimos unha época con importantes retos no campo dos coidados emocionais, que precisa de apoio institucional e máis recursos en saúde mental. Se queremos facer posible o benestar e saúde emocional non abonda con profesionais comprometidos. É vital o apoio da Administración dedicando máis medios para facer fronte a este grave problema.