Eran unha familia numerosa, os proxenitores e os oito fillos. El tiña unha profesión moi valorada, e vivían nun chalé. A historia comeza coma un conto... pero era un pesadelo.
A casa era un cárcere. Unha das pequenas intentou varias veces lanzarse por unha ventá, outra quixo queimar o valado que os illaba do mundo. Porque aquela casa era un cárcere. Vivían apertados nun cuarto, cando a casa contaba con moitos metros cadrados. Apenas levantaban as persianas, pero non tiñan medo á luz, pois tamén podían reter aos menores nun patio ao aire libre, ventase, nevase ou torrase o sol.
Faltaban moito á escola. Os máis próximos ventaban que algo raro se producía naquela vivenda. Pero pasaron meses e meses e meses ata que alguén interveu. Levaban trece anos vivindo naquel lugar. O maior dos fillos contaba a idade por meses.
A casa tiña menos limpeza ca unha corte. Vivían en dubidosas condicións de hixiene. Os pequenos acusaban problemas de nutrición. O pai é médico.
Acudimos ao doutor cando nos atopamos mal, cando necesitamos que nos coiden, cando buscamos unha solución aos nosos males. Ese mesmo facultativo é quen tiña na casa pechados e maltratados aos seus fillos, atacando sen piedade a súa saúde, física e mental.
Os menores pasaron a un centro de acollida.
Poderán recuperarse do trauma? Que impulsa a un médico a comportarse así? A profesión é inversa á súa vida. Que falla no sistema para non atallar estas situacións? Por que seguen aparecendo casos similares? Asustan tantos maltratos.