A amizade

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

ANGEL MANSO

06 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Aamizade é o cemento do mundo. Sen amigos, o mundo estaría afogado polas fendas e abismos e barrancos. Os amigos forman cadeas, visibles e invisibles, que unen calquera recanto do planeta. O tópico asegura que aquel que ten un amigo posúe un tesouro. É certo. Os amigos están cando son precisos, máis nas tristuras que nas felicidades, e tamén ao revés. Escoitan e aconsellan. Ter un amigo é poder estar calados unha tarde e sentírmonos a gusto, como se o silencio fose mentira. A amizade pode usarse con hora ou a deshora, nunca se gasta. Escoiteille hai anos a un sabio unha frase que non deixo de repetirme: un amigo nunca se cruza no teu camiño, a non ser que esteas caendo. O mapa da nosa vida, en certa medida, está pintado con pincel polos nosos amigos. Por iso, cando un amigo falta, pérdese parte da nosa existencia. Con el van as risas, os abrazos, as cancións que tan mal cantamos, as ilusións, as celebracións de vodas e bautizos, o sol coas súas noites, o carnaval, o río, as confidencias que só os amigos confidencialmente gardan. A amizade, en si mesma, é a mellor e maior das confidencias. Ten os seus segredos e as súas aristas. Non é fácil cultivala, pero unha vez que crece cómpre non deixala marchar. Aínda que por veces, caprichosa, marche. Un amigo é un seguro de supervivencia. Cando está ao teu carón. E tamén cando non está. Del sempre quedarán os sorrisos, máis que as sombras. As alegrías, máis que todas as tristezas. Un amigo é ese que sabe todo de ti e, a pesar de todo, quérete sen condicións. Un amigo é o único capaz de dicir, mirando os teu ollos, que hai cousas que non deben facerse. A amizade é o cemento do mundo. Sempre é preciso recordalo.