Intelixencia artificial

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

FLORENCE LO | REUTERS

17 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Falaban os meus estudantes da intelixencia artificial (IA), do que significan as novas ferramentas coma ChatGPT, o modelo de linguaxe de IA que interactúa cun formato de diálogo «que fai posible que responda a preguntas, admita os seus erros, desafíe premisas incorrectas e rexeite solicitudes inadecuadas»; ou DALL·E 2, o sistema de IA «que pode crear imaxes realistas e arte a partir dunha descrición en linguaxe natural». Reflexionaban sobre as súas consecuencias no futuro inmediato da educación, das artes, da información. Sobre o que supón dar un par de instrucións a unha «máquina» (realmente é un chatbot) e recibir unha redacción ben escrita, ou unha obra de arte ben feita, non polo humano que dá a orde, senón polo chatbot que a recibe. E eu, ao escoitalos falar sobre o tema, sobre as súas implicacións éticas e morais, comecei a pensar na diferenza entre a xeración Z (os que xa creceron coa internet e a tecnoloxía) e as xeracións anteriores. Pois estaba claro que eles entendían á perfección algo que para min segue a ser difícil de comprender.

Entón lembrei todas aquelas veces que sentín que a miña nai non entendía completamente o que lle estaba explicando. Lembrei a súa cara cando, sentadas xuntas no sofá, mira para min desconcertada mentres eu miro para o ordenador. E de súpeto imaxinei que pasaría se en vez de falar con ela por videoconferencia todos os días, falase cun chatbot de IA que aprendese o seu xeito de dialogar, o seu humor, a súa sabedoría... Sentiría eu o mesmo que sinto cada vez que contesta á miña chamada e falamos de todo e nada? Pois non sei se quero sabelo, xa que agora son eu a que, desconcertada, mira cara aos avances da IA.