O aborto, o dereito, a dúbida e as certezas

Iván Arias Balsa PROFESOR DA FACULTADE DE DEREITO DA USC

OPINIÓN

ZIPI | EFE

16 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Haberá que ler con detalle a sentenza do Tribunal Constitucional despois de redactada. Pero algo si sabemos con certeza: a lei orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo será declarada, por enteiro, conforme ó texto constitucional do 1978.

Outra certeza determinante, ao mesmo tempo que contraditoria, é a do propio Constitucional: a vida do nasciturus deixa de ter aquel carácter de «ben xurídico constitucionalmente protexido» que lle recoñecía a sentenza 53/1985 (realmente nunca tivo moita protección). Onde está a contradición? Pois en recoñecer que existan individuos (persoal sanitario) que teñen dereito a non participar na práctica do aborto porque repugna á súa conciencia. Por que obxectan? Por un motivo puramente ideolóxico fundado nalgún tipo de fanatismo? Non, evidentemente. Hai algo máis de fondo: entenden que o aborto implica acabar coa vida dunha realidade biolóxica moi concreta. O embrión, o feto, é un ser humano. E polo tanto o aborto non é só un acto médico máis que se denominou asepticamente como interrupción voluntaria do embarazo. E co recoñecemento desa obxección, o sistema legal acepta que a vida daquel que está por nacer, dalgún xeito, importa. Polo menos, para parte da sociedade.

E así chegamos ao gran debate, á gran cuestión, que nunca se formula porque precisamente semella que nunca se quere resolver, aínda que haxa indicios e incluso probas suficientes para a solución: É o nasciturus un ser humano? Cal é o momento inicial do ser humano? Existen, por tanto, individuos que ata un determinado momento carecen de calquera dereito, incluído un elemental dereito a que non o priven da vida?

Son preguntas que van máis alá do xurídico, e ante as cales o dereito, e por tanto a lei, só pode dar unha resposta complementaria. Importante, pero unicamente complementaria. E sempre respondendo a outra serie de preguntas: cal é a colisión entre os dereitos do nasciturus e os da muller que o xesta? Cales deses dereitos son os máis importantes? A vontade da muller xestante é sempre máis importante ca calquera outro dereito superior do que vai nacer? Admite defensa este último? Quen será o encargado de defendelo?

Son moitos os que teñen as cousas claras. Eu diría, incluso, que demasiado claras. Outros preferimos acollernos a certa dose de dúbida, e pretendemos pescudar cales serán as posibles respostas. E desta investigación saen algunhas respostas, incluso moitas certezas, que poñen a realidade do aborto deliberadamente provocado nunha situación inxustificable. Isto, sen embargo, non ten nada que ver co seu posible tratamento penal.

Pero o que debería quedar claro é que, ante tal dúbida (moi lícita), unha lexislación de absolutos conceptuais que cualifican as situacións xurídicas do nasciturus simplemente polo transcurso do tempo non parece a máis prudente das solucións.

En resumo: antes de lexislar deberíase considerar, profundamente, por que concreto motivo un neno querido ten dereito á existencia, e un non querido, polos motivos que sexan, carece dese dereito.

Só porque así o diga esa lei?