Un longo sentimento

OPINIÓN

Rosa Veiga | EUROPAPRESS

15 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Un meu amigo de Burela presumía hai anos de ser o máis novo do centro de traballo. O reinado duroulle pouco porque chegou xente máis moza. Pero el buscou planos nos que seguía a ser o de menor idade. Comezou polo xénero, despois pola provincia e finalmente pola súa localidade de nacemento até que chegou unha persoa burelá máis nova que lle apañou o trono. Pensei nel porque eu, coma moitos veciños de Xinzo, hai tempo que, cun orgullo local, nos viñamos gabando de termos, se non o mellor entroido do mundo, si o de máis duración, con cinco semanas seguidas de festa. Pois resulta que isto tampouco é así porque veño de saber, con decepción e envexa, que na vila francesa de Limoux gozan de 77 días de entroido, unha cifra que nos supera, e moito. Esta non é a única diferenza porque eles teñen clara a orixe dun entroido que seica está moi vinculado a uns muiñeiros que, logo de saldaren a conta cos monxes locais, deron en percorrer a vila bailando e agasallando a veciñanza con fariña e doces. E até hoxe. Para a orixe do entroido de Xinzo non hai unanimidade e non competimos con ninguén, porque as teorías son tan diversas que van dende quen a remonta séculos atrás a quen se atreve a situala mesmo xa encetado o século XX. Poida que esta indefinición tamén sexa un mérito enigmático que se achega ao segredo. O certo é que, de momento, mentres a ninguén se lle ocorra alongar o seu, porque as tradicións tamén adoitan moverse, podemos seguir envaidecéndonos de que o entroido de Xinzo é o que máis dura na Península Ibérica. E se perdemos esa condición, aínda nos quedarían, coma ao meu amigo de Burela, as alternativas de Galicia e a provincia, para seguirmos reinando. Iso si, ao que ninguén nunca nos gañará é a sentimento.