O molete de pan está máis caro, aínda que lle reduzan o IVE. Os iogures, tamén. Miro a botella de aceite e lembro que non hai tanto custaba case a metade. Xa non atopo ofertas no peixe do día coma as de antes. O polo hai tempo alcanzou prezo ao que mercaba a tenreira. Fago cábalas e sospeito que pagarei un 20 % máis ca antes de comezar a usar as máscaras cirúrxicas que mudaron o mundo. E saben? Non penso no panadeiro, nin no agricultor que ten que sementar e recoller o trigo. Tampouco na cisterna do leite nin no gandeiro que dubida se lle compensa muxir as vacas. Imaxino os barcos, bambeándose no medio do temporal e comprendo o prezo do peixe. O mesmo ocorre coas granxas de polos, ou do que sexa.
As miñas ideas camiñan cara os grandes banqueiros, que nada saberán de ir buscar os ovos ou apañar cebolas, de encherse de terra para recoller patacas ou ter que estrar a corte para manter en boas condicións ao gando. Seguro que nunca levaron o balde aos porcos, nin colleron miñoca para lanzar o anzol na ribeira. A banca obtén beneficios descoñecidos ata agora. Amasan máis e máis billetes. Enriquécense. Non dubido que sexan moi bos empresarios e saiban facer números... pero xa me gustaría velos planificando a comida de toda a semana para non saír do presuposto establecido. Porque un erro se pagaría con fame, frío e moitos desgustos. Os empresarios están para obter beneficios, pero hai actitudes que resultan insolentes. Os sorrisos dos banqueiros entristecen máis o ricto dos «mortais».