Unha flor

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

NARENDRA SHRESTHA | EFE

26 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando todas as noites estean escritas en prosa, pensemos que hai noites de lúa. Cancións que rabuñan a alma. E flores. Ou unha flor. Pensemos na palabra máxica que todo o soluciona: abracadabra. Cando todo obrigue ao desconsolo, debemos saber que sempre queda un recanto por onde o sol enfía o seu camiño de alegre risa. E debemos contemplar o horizonte. Ser optimistas, porque o pesimismo non arranxa ningún problema. Esperanzados, porque non esperar nada resulta impropio dos que temos a fortuna de vivir na cara A do mundo. Cando perdamos, non deixemos de aprender a lección e saibamos que non queda outro remedio que levantármonos. Cando miremos atrás para contemplar as mil cicatrices que levamos gravadas na pel, pensemos que sempre queda o porvir: un lugar onde as feridas só forman parte do pasado. Case non existen. Bórranse con goma de borrar melancolías. Cando alguén roube os soños, frotemos a lámpada máxica e pidamos ao xenio dos desexos mil soños máis. Cen mil soños por cumprir, un por un, estrofa por estrofa. Expulsar a desolación. Porque é preciso espantar a tristeza. A tristeza: un golpe a destempo, un abrazo que pedimos e nunca dan, unha caricia que falta sen aviso. Odio a tristeza, especialmente a tristeza dos que amo. Cando eles están tristes o mundo parece un túnel. Houbo que exiliar a tristeza neste xaneiro que toca a trompeta do seu final. Este xaneiro crítico ao que nos enfrontamos con ánimo e decisión, sen medo. Febreiro, tamén. E despois marzo e a primavera de abril. Oxalá esta mañá ou esta tarde ou esta noite os mil soños do xenio da lámpada entren no teu cuarto. E a felicidade, que sempre é unha promesa, agrome e rebente. Como unha flor.