A Facultade de Bioloxía da USC, anegada e esmendrellada

Victoriano Urgorri CATEDRÁTICO EMÉRITO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

OPINIÓN

19 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O edificio das facultades de Bioloxía e Matemáticas é sen dúbida o inmoble máis gafado de toda a USC. Inaugurouse en 1982, con muros exteriores dun peculiar formigón armado, cun rechamante cor rosado e sen que se decataran de que na miña terra galega onde o ceo é sempre gris (Siniestro Total) chove, chove, chove e chove. Dende aquela, eu teño nel o meu despacho e laboratorio e desde o pasado outubro (2022) chove neles coma se non tiveran tellado, pero non só no meu, senón en todas as dependencias baixo cuberta de todo o edificio. É tal a cantidade de auga que cae dentro que son espazos inutilizables para investigar ou facer o máis mínimo traballo, ademais de que está a estragar ou xa deixou esmendrellados tódolos aparatos de investigación, ordenadores, bibliografía e todo aquilo que os científicos usamos para a investigación, amais de carecer de enerxía eléctrica.

Non podo concibir que no país da choiva, non se saiba facer un amaño provisional que ao menos evite a entrada de auga, ata que a meteoroloxía permita arranxalo en debidas condicións. Por iso, entenderán que ante semellante desfeita teñamos a convicción de estamos totalmente abandonados polo equipo de goberno; van moitos meses así. Eu só teño dúas posibles explicacións: unha, que consideren que, como en Santiago de Compostela a choiva é arte, arranxar o tellado sería facer un atentado patrimonial; e outra, que este sexa o derradeiro feito deste edificio gafe, portador de tan mala sorte.

Pode ser que pensen que estou esaxerando, pero non é así, pois levo nel 40 anos e dende o primeiro día tiñamos abondosas humidades que metía o formigón e que trataron resolver tapando as áreas húmidas con silicona; anos despois tiveron que revestir as fachadas con placas metálicas. As malas linguas da época dicían que o arquitecto endosounos un proxecto orixinalmente deseñado para Almería, onde chove moitísimo menos que aquí. Ao pouco, caeuse na conta de que nunha Facultade de Bioloxía trabállase en moitos laboratorios con virus, bacterias e outros microorganismos e que o sistema orixinal de calefacción, por condutos de aire, podería repartilos democraticamente por todo o edificio, incluídas as aulas cheas de alumnos. Consecuentemente, máis obras para desmontar o instalado e aviar e construír unha nova calefacción por radiadores de auga. Ao tempo, as cubertas das aulas, orientadas ao sur, feitas dunha peculiar mestura de materiais metálicos, plásticos e vidro que despois das dilatacións do primeiro verán soleado, ao comezar o curso, chovíanos tanto dentro das aulas coma fóra, ata que tras longas obras puidemos de novo impartir docencia nelas.

Pola orientación das fachadas ao S e SO, cando no inverno tiñamos cicloxéneses explosivas (os temporais de toda a vida) tódolos anos o vento arrincaba e voaban moitas cubertas de uralita; a primeira sempre a de enriba do meu laboratorio e novamente auga no interior. Como repoñelas non solucionaba o problema, uns peritos trangalleiros que descoñezo, decidiron cubrir os tellados con tal chambonada que o tempo demostrou que foi moi inadecuada, mal feita e sen o máis mínimo xeito e que agora estamos padecendo os PDI e PAS da nosa facultade. Que eu saiba, ao longo destes 40 anos ninguén asumiu a responsabilidade de tanta chapuza no edificio. Isto é o que hai e así nos vai!