O frío

OPINIÓN

Contacto / NYSDOT Wes | EUROPAPRESS

13 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica volve o frío e, un ano máis, anúnciase coma se fose algo estraño e impropio do mes de xaneiro. Agora que vivo ao carón do mar, lembro case con saudade algunhas daquelas xeadas limiás que tinguían os tellados de branco coma unha ilusión de neve que, máis dunha vez, se concretaba en algo real. O frío era unha evidencia física e a infancia transcorría máis no exterior ca dentro dos pisos, nos que non había outra calefacción ca unha estufa catalítica e unhas bolsas de goma cheas de auga quente para temperarmos as sabas e afundírmonos naqueles colchóns de coscos que nos acollían coma unha aperta fonda. As frieiras nas orellas e nos pés, os almorzos batendo os dentes e aquelas aulas do colexio aptas para conservar fresca a carne de por vida. O frío era así, un compañeiro violento e abusón ao que estabamos afeitos. Non quedaba outra. A miña filla pequena tamén o coñeceu ben cando estivo estudando en Finlandia e polas mañás tiña que pestanexar na parada do autobús para que non se lle conxelasen as pestanas. Non quero nin imaxinar esas temperaturas de 62 graos baixo cero que se deron estes días nalgunha localidade de Siberia. Por iso, queixarnos hoxe e alarmarnos pola baixada das temperaturas ten un punto obsceno para as persoas que temos calefacción e boa roupa de abrigo. O frío só é unha desgraza para os pobres e para quen non ten un lume onde arrimarse. O cambio climático seguirá traendo anomalías térmicas, non me cabe dúbida, pero o inverno está aí por algo e o frío é unha parte importante que lle dá razón de ser, algo que saben moi ben os estrategos das guerras que estes días, por desgraza, aproveitarán o frío coma unha arma desoladora contra a poboación máis indefensa.