O xeonllo de Francisco

OPINIÓN

ETTORE FERRARI | EFE

26 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Soubemos estes días que o papa Francisco xa ten asinada a súa renuncia dende hai nove anos por se a súa saúde se volve unha eiva para desenvolver unha vida normal. Seica lla entregara a quen daquela era o secretario de Estado do Vaticano, o cardeal italiano Tarcisio Bertone. Esta nova transcendeu porque xa hai meses que o papa vén usando unha cadeira de rodas por mor dunha dor aguda nos xeonllos. Esta confesión, e tamén os seus 86 anos, con certeza xa puxeron en alerta as forzas vivas da Igrexa para iren tomando posicións diante dun posible empeoramento da saúde deste papa que a dereita máis ultra estima comunista, fundamentalmente porque defende a doutrina social da propia Igrexa e nos amosa un Deus que, se cadra, está máis preto do ser humano.

Neste século no que hai un descrédito da eternidade, no papa Francisco depositáronse moitas esperanzas de amosar unha relixión máis apegada á realidade e aos seus problemas, capaz de acoller no seu seo máis crentes que atopen nos dogmas do cristianismo o engado dun acubillo fronte á complexidade do mundo. Non sei se está no camiño de o conseguir, pero o que si é certo é que as persoas que non cremos, e tamén moitas das que si cren, sabemos que os maiores atrancos están dentro da propia Igrexa. Só abonda con escoitarmos de cando en vez as palabras dalgúns bispos católicos que adoitan crear a Deus á súa imaxe e semellanza, non ao revés. Porque se existe un Deus, sospeito que debe de estar máis preto dos comunistas, aínda que non crean nel, que dese tipo de fanatismo que mesmo é quen de rezar para que o xeonllo do papa Francisco se resinta de vez e se teña que levar a cabo a anunciada renuncia para, así, deixar paso a un papa como Deus manda.