Que vale Dylan?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai vinte anos, nas carreiras humanísticas estaba de moda o asunto do canon, ese tema que vai e vén desde que os gregos inventaron os premios para sacarnos aos escritores da miseria consubstancial á nosa arte. Daquela, Harold Bloom, un académico que teimou durante décadas en aprendernos a ler, publicara O canon occidental, un libro que poderíamos cualificar coma unha sobrada: elixía os vinte e seis autores representantes da máis excelsa literatura. Agás catro mulleres, todos eran escritores, con «e», o plural do valor masculino daquel libro que reverenciabamos a pesar de que o 90 % da escolla era anglosaxona (para iso era occidental).

Quen nos ía dicir que Bob Dylan querería ser o novo Harold Bloom! Hai un mes, o ídolo que cantaba os nosos himnos cos pantalóns cinguidos, ese que triunfou desafinando, púxose estupendo e publicou o seu propio canon occidental da música cun título pretencioso incluso para el: Filosofía da canción moderna (Anagrama, 2022). Neste caso, filosofía son as ocorrencias machistas e ultrarrelixiosas do autor, e moderna é a música anterior a 1970. Todo soa a escusa para facer un catálogo que exclúa aos Beatles e aos Rolling, e para deixar escrito que a prostitución é marabillosa. Que necesidade había? Se, no fin de contas, Bob Dylan é só un ídolo de masas co mesmo nivel de estudos que, por exemplo, Justin Bieber.

Harold Bloom era unha das cabezas máis privilexiadas do seu propio canon occidental. E Bob Dylan probablemente non é máis que un home resentido cun brutal talento para a música e cun Premio Nobel de Literatura que o colocou no absurdo e arbitrario canon occidental e, a diferencia de Justin Bieber, fíxolle crerse filósofo. Como dicía a miña avoa: falou da praza e mercouna na praza.