A luz solidaria

OPINIÓN

CAPOTILLO

14 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanto ten que a ciencia responsabilice a acción humana das evidencias do cambio climático, que aquí cadaquén mira para o peto e coma se ouvise chover. Está máis ca demostrado que o exceso de luz que lle mandamos á atmosfera é un impacto directo no medio ambiente e ese xeito tan irresponsable de desbaldir enerxía pon medras no avance do cambio climático. Diso non hai dúbida e, malia todo, teimamos noutro tipo de beneficios, tamén evidentes, como o turismo e a incitación ao consumo. E velaí temos dous modelos de política diferentes que se poden concretar en dúas cidades dunha mesma provincia. Na cidade do Lérez o goberno local decidiu, por coherencia, non prender as luces de Nadal até o 16 de decembro e algúns comerciantes falan de insolidariedade con eles porque seica teñen a cidade apagada e a clientela marcha á cidade olívica, onde o comercio, non todo, por certo, pon as botas coa enxurrada de turistas que deixan unha morea de cartos ao seu paso por ese río luminoso. Podo entender esa pequena revolución do comercio, como tamén recoñezo o atractivo das luces que adoita empurrar a moita xente ás rúas, pero a economía non o pode condicionar todo e o modelo de cidade para Pontevedra non ten nada que ver co de Vigo. Logo de escoitar as reaccións dalgúns e de lembrar as vellas queixas dunha parte do comercio con motivo da peonalización da cidade, máis creto poño nas palabras da concelleira responsable cando di que a decisión de non prenderen tan cedo as luces é froito dun proceso de reflexión porque hai unha crise ambiental e enerxética onde se lle pide á xente moderación no consumo. Así que dar exemplo dende o goberno municipal coido que é o máis sensato e solidario, non co comercio, senón coa humanidade.