O 8 de decembro Netflix estreou os tres primeiros capítulos da serie, dirixida por Liz Garbus, activista e cineasta de recoñecidas tendencias de esquerda. A cadea insiste en que se trata da historia de amor da parella, pero a serie é tamén unha historia de denuncia e suspense. Comeza cun selfie de Harry con aspecto apesarado. Di que é difícil entender como chegaron a esa situación e que a súa tarefa é «protexer á miña familia. En especial ao meu fillo. Estou preocupado, especialmente, pola seguridade». Ao mesmo tempo visualízase a primeira páxina dun diario inglés na que se le : «O príncipe cara á autodestrución». O seguinte é un selfie de Meghan cunha toalla enrolada na cabeza como quen sae da ducha, que di con aire consternado: «Por non apoiar algo están destruíndonos».
A directora dá a mellor versión da parella: guapos, namorados, espontáneos. Os dous participaron en tarefas de tipo social e solidario. Véselles felices de estar xuntos. E preséntaos como sucesores de Lady Di. «Son fillo da miña nai», di Harry, e representantes dunha monarquía aberta á realidade dunha sociedade multirracial.
As críticas céntranse na prensa, no acoso dos paparazzi e tamén nos formalismos da familia real. Pero que é o que levou á parella a deixar de traballar como membros da familia real? Meghan di: «Fixese o que fixese ían atopar a maneira de destruírme». E Harry: «Ninguén sabe toda a verdade. Nós sabemos toda a verdade». Supoño que esa verdade revelarase nos capítulos finais que se emitirán o 15 de decembro. O que si transcendeu é que a parella recibiu 100 millóns por gravar a serie.