Aesia na Coruña, en Galicia

Julio Abalde, Antonio López, Manuel J. Reigosa REITORES DAS UNIVERSIDADES DA CORUÑA, SANTIAGO DE COMPOSTELA E VIGO, RESPECTIVAMENTE

OPINIÓN

María Pedreda

06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Goberno do Estado vén de anunciar que a candidatura elixida para acoller a sede da Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (Aesia) é a da Coruña. Esta candidatura é a decisión obxectiva e unánime do Nodo GalicIA. Unha vez tomada a decisión, a candidatura da Coruña contou co apoio da Xunta, das universidades, institucións e empresas da nosa comunidade. Esta foi unha das fortalezas, ser a candidatura de Galicia.

Outra fortaleza son as universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Levamos un longo percorrido de colaboración é cooperación na xeración do talento. O ultimo exemplo, crucial nesta ocasión, son os estudos en Intelixencia Artificial (IA) interuniversitarios impartidos nas tres universidades galegas, ofertando cada curso 150 prazas de grao en IA, ás que se engaden outras 60 do Máster de IA. Unha magnífica canteira conxunta de talento especializado.

Ademais da fortaleza académica contamos co potencial I+D+i dos nosos campus, protagonizado polas facultades e escolas e polos centros de investigación do SUG especializados nas tecnoloxías da información e as comunicacións: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), da UDC; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), da USC, e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación (atlanTTic), da UVigo.

Galicia ten voz propia na IA, cun ecosistema investigador e empresarial innovador, relevante a nivel nacional e internacional. Nos nosos centros traballan grupos de investigación con proxectos punteiros nun abano amplo de áreas de IA e outras áreas do coñecemento próximas, como a comunicación e computación cuántica, a ciberseguridade ou o big data; cunha visión claramente transversal e multidisciplinar, con grupos que integran as ciencias sociais e as humanidades en áreas como medio ambiente e sustentabilidade, lingüística computacional ou bioinformática.

Este potencial universitario explica en boa medida tanto a dimensión da masa crítica de empresas TIC en Galicia (preto de 3.000), onde traballan máis de 20.000 persoas, o que representa o 2,6 % do PIB galego, como a presenza operativa na nosa comunidade de grandes empresas tecnolóxicas. Pero non só son as empresas do sector TIC, en Galicia o uso da IA nas nosas grandes corporacións, empresas e pemes supera a media estatal en case dous puntos porcentuais.

Todo este ecosistema investigador e empresarial é froito de máis de 25 anos de traballo para manter o benestar, a competitividade e a relevancia como país. Galicia tivo como prioridade cumprir con solvencia e de maneira anticipada todas as liñas xerais que agora foron fundamentais para a implantación na nosa comunidade da sede da Aesia. Non debemos esquecer tampouco que Galicia foi unha das primeiras comunidades españolas en contar cunha estratexia propia de IA.

As universidade públicas do SUG estamos preparadas para asumir a responsabilidade de situar a España como referencia no mapa europeo da utilización responsable da IA.