
Aos migrantes, neste caso homes novos e audaces, pásalles coma ás mulleres: para moitos, son culpábeis de ser quen son e merecen a morte. As imaxes amósano ás claras: amoreados coma insectos diante da valla de Melilla o pasado 24 de xuño, ou flotando mortos naquel mar do Tarajal infame en 2014, semella que aqueles mozos merecían morrer: por pobres, por negros, por desesperados.
O que máis indigna de todo isto é a soberbia do ministro Marlaska, que é a de quen, por comer quente e durmir en sabas caras, pode permitirse mirar para outro lado diante do que acontece a diario nas nosas fronteiras. Pode chamarlle «feitos tráxicos», pero son mortes, crimes por omisión de axuda e por incumprimento da máis básica lexislación humanitaria. O xuíz convertido en ministro parece ter esquecido varios principios básicos da xustiza. In dubio pro reo sería un deles. No caso de dúbida, en favor do reo. Supoñendo, claro, que un migrante sexa por definición un criminal. E supoñendo, tamén, que dubidasen de se salvar ou non a aqueles homes. Non dubidaron: deixáronos morrer coma bichos. Outro fermoso principio do dereito: Habeas data. Todos temos dereito a coñecer os datos relativos á causa. Claro que, unha vez mortos os indesexábeis, quen ía reclamar os datos que demostran que morreron sen cometer delito ningún? En fin, que o principio fundamental do dereito, o de humanidade, aquí nin estivo nin se agardou por el. Este non require explicación.
É certo que errare humanum est, pero os humanos que teñen humanidade asumen a responsabilidade dos erros. O que, en sendo ministro, implica dimitir. Xa sabemos, daquela, por que Marlaska non dimite. Magna culpa dolus est, dixo Cicerón. Claro que, se o ministro non se sente culpábel, para que apiadarnos del?