Topamos o gas, por que non as peaxes?

OPINIÓN

xoan a. soler

26 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun contexto de incerteza como o actual, cunha guerra no leste de Europa que impacta a todos os niveis e cunha suba tan considerable dos prezos da enerxía e outros bens de primeira necesidade, é completamente inadmisible un incremento das peaxes como o que propón a concesionaria da autoestrada AP-9 para o próximo ano, e que obrigaría aos usuarios a pagar máis de 19 euros por circular entre Vigo e A Coruña, as cidades galegas máis poboadas e tamén os principais polos económicos do país.

Valorar sequera a posibilidade de penalizar aos transportistas, aos autónomos, ás empresas e ao conxunto da cidadanía cunha suba de tarifas do 9 % para circular por un corredor que carece de outras alternativas viables non só é un propósito intolerable, senón que ademais é insufrible. E temos que dicilo así con todas as letras.

Non é cuestión de instalarse na nostalxia nin no desacougo, pero as galegas e os galegos temos que saber que hai xa máis dun ano que é posible percorrer os 675 quilómetros de autoestrada AP-7 entre Alacante, Valencia, Castellón, Tarragona, Barcelona e a fronteira de Francia sen pagar peaxes grazas a que o Goberno de Pedro Sánchez non renovou as concesións a medida que foron vencendo.

É dicir, xusto o contrario do que fixo, do que sempre fan, os gobernos do Partido Popular, do que fixo Aznar, Feijoo e Rueda. Porque en Galicia tamén poderíamos desfrutar no ano 2023 que está a piques de chegar dunha AP-9 libre de peaxes e aforrar os máis de 25 euros que custará circular entre Ferrol e Tui, como ocorre en outros territorios do Estado.

Non debemos caer no desacougo, pero si convén recordar o que fai cada quen cando se lle presenta a oportunidade de facelo. Sabemos, por exemplo, ao que se dedica Alfonso Rueda e a Xunta do PP, que é a botar balóns fóra e a patexar agora diante do Goberno central todo o que non patexaron no 2000, cando Aznar castigou ás galegas e galegos con 25 anos máis de peaxes. E sabido é tamén que foron gobernos socialistas de Zapatero e Sánchez os que buscaron fórmulas para levantar peaxes en Galicia no 2006, os que optaron por non renovar concesións e que habilitaron dende o ano pasado unha fórmula para rebaixar as tarifas da AP-9 cun custe anual de 55 millóns de euros.

E cómpre aínda dar un paso máis para frear esta escalada das tarifas na AP-9. Debe actuar a Xunta con propostas, aínda que a súa experiencia neste eido sexa unha folla en branco. E debe actuar tamén o Goberno central, explorando novas fórmulas para evitar a aldraxe dunha suba inadmisible das peaxes. Así que hai que apelar de novo á audacia, porque se foi posible topar os prezos do gas e de minorar os beneficios das empresas enerxéticas, por que non facer o mesmo cos prezos das peaxes? Sen dúbida, o Goberno de Pedro Sánchez foi valente coa iniciativa para topar o gas que triunfou en Europa. As tarifas das autoestradas que medran sen control requiren un tope similar. Sabemos xa que do PP nada disto podemos agardar.