Dende hai varias décadas escoitábanse achegar tambores da guerra. Mesmo nesta reserva civilizada que é a Unión Europea. A información dos medios, libros, películas, videoxogos, redes… cheos, cargados de relatos de violencia por onde acendas un televisor ou te conectes as redes. Un ruído de fondo, un malestar crecente, tras a grande e duradeira crise do 2008, unha pandemia de dous anos… e agora si: unha guerra nunha zona sempre conflitiva, mais agora con capacidade de destrución global.
Múnic en 1938 ou a resolución da crise dos mísiles de Cuba en 1962 son dous exemplos ben claros de que asinar un determinado arranxo pode hipotecar claramente o futuro. Sesenta anos hai da creación do teléfono roxo, e este é un mundo radicalmente distinto. Incerto. Como todos os procesos de cambio. E se non lean como ve o réxime de Putin Timothy Snyder en El camino hacia la no libertad. Non é ciencia ficción, é brutal presente.
As canles de comunicación entre contrarios deben estar sempre abertas. E de feito, a visualización nestas últimas datas de vías ao máis alto nivel político entre Rusia e EE.UU. así o indicou. Pero a verdade é a primeira vítima das guerras. A información que recibimos, e moito máis neste presente orwelliano do medo permanente, hai que lela en clave de propaganda. Aferrámonos a esperanza dunha pronta finalización do conflito sen coñecer, sen ter as claves reais.
Ademais, as árbores non nos deixan ver o bosque: non falamos só da inhumanidade da guerra, senón da destrución do planeta. Falamos da emerxencia climática. O zunido dos drons utilizados para o combate impídenos escoitar o sutil estrondo da caída masiva dos glaciares. A implantación da intelixencia artificial está a piques de cambialo todo en pouco tempo, tamén é cando maiores posibilidades hai de utilizala en beneficio propio. O último paso antes de caer no abismo soe ser moi motivador. Non hai cambio de magnitude con perspectiva de futuro que non se fixese ante a urxente necesidade de facelo.
Claro. Estes días semellan ser un punto de inflexión. Escóitanse nos últimos días novas que aconsellan ver con moderado optimismo unha pronta resolución do conflito: o avance das tropas ucraínas, a necesidade do Exército ruso da masiva mobilización de soldados ou o abandono recente das posicións en Jersón… De como se acorde nun futuro máis ou menos breve dependerá o porvir da zona, pero tamén do planeta e da especie humana no seu conxunto. Non hai outro camiño que ser capaces de ler ben o presente, e apostar, arriscar por un futuro sen mochilas. Para iso hai que deixar fóra os pacatos intereses curtopracistas dos prazos políticos.
Non se pode dirixir sen saber onde ir. A inexistencia de accións alternativas de futuro non fai máis que sancionar o statu quo existente. Convértese nunha parte importante do problema a arranxar. Nunca se cambiou o mundo nun sentido de progreso duradeiro sen que antes de rematar os grandes conflitos non se estivese xa planificando a alternativa.
A historia ofrécenos moitos máis convincentes proxectos inconclusos de acordo que pactos duradeiros… Pero sempre hai que apostar pola paz. Só se pode saír da barbarie sendo positivo, aínda que se peque de inxenuidade. Non hai outra ruta para construír un futuro de convivencia sen violencia. Un camiño longo, construíndo, imaxinando… e con valentía para levalo adiante en beneficio da humanidade. Convencidos de gañar o futuro. O outro pode ser un amaño de escasa duración que perpetúe a percepción de que non hai alternativa a un futuro en bucle de eventos violentos de orixe multipolar.