Interminable covid

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CAPOTILLO

26 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O supermercado é un bo lugar para facer predicións. Nos primeiros momentos da pandemia determinou cando comezaba a psicose. Non foi outro ca aquel instante no que vimos como os andeis dos distintos comercios comezaban a quedar baleiros. Azucre, fariña, leite, ovos... e o tan comentado papel hixiénico. Había medo. Era un sinal.

Onte fun mercar algunhas cousas e algo chamou a miña atención. Non eran estantes baleiros, pero comecei a sospeitar que unha nova psicose está axexando. A maior parte dos clientes facían a compra coa máscara posta. A protección coa covid máis usada volve de novo.

Tamén había un mozo collendo da zona da panadaría un produto sen luvas. Axiña unha traballadora o instou para que as puxese. A amiga que o acompañaba insistíalle: dá igual que outro teña mellor pinta. Tocaches ese, tes que levalo.

Quizais os andeis non estean baleiros porque, no fondo, a esperanza é o único que se perde, por iso albergamos a idea de que cando as cousas melloren os prezos baixarán. Vaia ilusos!

Saín coa sensación de desprotección, pensando en facer un novo pedido de máscaras. As cuartas doses das vacinas empezan a chegar e os virus nos colexios campan sen medo. A covid semella un contratempo interminable. E eu comezo a sentirme esgotada. O confinamento, a guerra e a incerteza na que vivimos pasan factura. Algúns decatámonos antes, outros despois. Pero «o bicho» está aí, e xa se nos meteu dentro da cabeza. Quizais sexa algo certo aquilo de que calquera tempo pasado foi mellor.