O mar xa non pode con todo

Victoriano Urgorri
Victoriano Urgorri AUGA DE MUÑICO

OPINIÓN

María Pedreda

24 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 25 anos, en 1997, escribín un artigo titulado O mar pode con todo, no que salientaba a anterga relación que temos os galegos co mar, e que nos levou a consumir del, todo o comestible: peixes pequenos e grandes, tódalas clases de cangrexos e ameixas, polbos, chocos e luras, e entre todos eles algúns tan insólitos coma os percebes. No artigo explicaba que o tempo levounos a idea dun mar inesgotable e que incluso destruía e desfacía con certa rapidez, todos aqueles elementos estraños que dun xeito máis ou menos cotián botábamos ao mar: caldeiros, madeiras, cabos, graxas, residuos fecais, etcétera. Dicía no artigo, que daquela, xa chegara a modernidade e que os caldeiros volvéranse de plástico, as madeiras en cachos de fibra de vidro, os cabos dun nailon ou coral indestrutibles, as graxas en gasóleo, e os residuos fecais multiplicáranse por mil mesturándose con substancias imperceptibles pero de alta toxicidade: metais pesados, TBT, PCB, praguicidas, etcétera e sobre todo que sobre-explotábanse moitos dos recursos coa axuda de tecnoloxías punteiras, pero moi destrutivas.

 Eu que son zoólogo mariño dende hai 48 anos, xa cando estudaba a carreira, saquei o título de mergullador, porque dinme de conta que se ía traballar no mar, tiña que ter unha visión directa dos fondos que estudaba, porque senón as miñas conclusións terían unha porcentaxe moi elevada de subxectividade. Daquela comprobei mergullando a chea de redes perdidas e enganchadas nas rochas do canal da ría de Ferrol que seguían pescando e sen que ninguén denunciara a súa perda ou a desfeita que ocasionaba o can ou endeño remolcado nas comunidades bentónicas, aínda que navalleiros responsables, que coñecían ben o dano, comezaron a recoller o recurso directamente a pulmón; pero mira ti que destes pioneiros, daquela dicían outros: os navalleiros queren todo para eles. Todos somos mariñeiros, todos temos familias e todos queremos vivir. Penso que esta aseveración resume a filosofía imperante no sector extractivo do mar; hai que recoller ao tope e non importa se o recurso e as comunidades onde viven se recuperan axiña ou non. Co paso do tempo a extracción artesanal dos recursos foise transformando nun negocio economicista, pois hoxe os factores económicos priman sobre os de calquera outra natureza.

A principios deste século, dirixín varias campañas oceanográficas nos fondos profundos de Galicia, entre 100 e 5.300 metros de profundidade, incluídas moitas zonas de extracción de recursos: A Selva, A Quiniela, O Mar do Crime, Canón de Ferrol, de Coruña e Banco de Galicia entre outras; consecuencia destes traballos, teño «fondeado» a 2.700 metros nas Paredes (perdido por enganche), un mostrexador con tres caixas estancas de cámara de vídeo e focos. Destas experiencias teño un coñecemento bastante bo dos fondos batiais de Galicia e do impacto que producen nas comunidades algunha das artes extractivas. Teño visto como nos palangres de fondo subían enganchadas diferentes especies de gorgonias, antipatarios e corais dos arrecifes de augas frías, ou como as nasas e os rascos traían suxeitas fosforitas e costras carbonatadas que teñen un grande valor ecolóxico. Pero sen dúbida a arte máis destrutiva é o arrastre, porque recolle o recurso e todo o que está con el no fondo, e dicir, desestrutura toda a comunidade e canto máis vai cargándose o copo, máis impacto produce. Por se alguén non se dá de conta, é coma se unha pala escavadora pasara a miúdo por unha pataqueira, unha toxeira ou un milleiral. Pensen como quedarían estas leiras!

Hoxe ben pouco me preocupa a destrución do medio ambiente mariño, porque os perdedores destas desfeitas claramente somos nós, os seres humanos, e con máis ou menos séculos, xa sen nós, a natureza sempre se recuperará da mesma ou doutra forma diferente. Para rematar, quero dicirlles que o máis contrario ao sentido común é que quen vive do mar non o coide, e por iso dígolles no título: O mar xa non pode con todo. Isto é o que hai e así nos vai!.