Desde a posta en marcha da Lei 13/1989 de Montes Veciñais en Man Común de Galicia, a realidade do medio rural galego sufriu enormes cambios que deben ser trasladados á norma. Estas propiedades forestais supoñen un terzo do total ocupando unhas 600.000 hectáreas, repartidas en 3.200 comunidades de montes e un censo de máis de 120.000 comuneiros. O carácter xermánico deste tipo de propiedade, e as súas características de indivisibilidade, inalienabilidade, imprescriptibilidade e inembargabilidade non están en cuestión en calquera reforma que se poida formular dentro do marco competencial autonómico, xa que o carácter xermánico está definido e tutelado en leis de competencia estatal.
A lei actual ten fortalezas que se deben manter en canto á protección da propiedade veciñal e a loita contra calquera tipo de especulación. Na figura de comuneiro, nestes anos de vixencia da norma, houbo litixiosidade sobre quen ten dereito de acceso á súa condición. No Código Civil galego fíxase a esixencia de seren titulares de unidades económicas, produtivas ou de consumo, pero non se está a considerar na práctica cando chegan novos residentes alleos á actividade primaria, pero demandantes da alta no censo de comuneiros. Por iso a condición de comuneiro debe aclararse, e especificar como se xestionarían os montes que xa carecen de produtores.
Respecto do uso do monte veciñal, hai que lograr un equilibrio entre os usos agrarios e forestais. Estímase que das 650.000 hectáreas de propiedade comunal clasificada en Galicia, polo menos un 25 % das mesmas terían vocación para usos agrícolas, viñedo, prados, etcétera. Poñer terras en produción, mediante fórmulas legais seguras, daría un pulo á produción primaria e axudaría á extensificación das explotacións gandeiras, e crearía áreas de cortalumes e descontinuidades na biomasa contra os incendios forestais. As comunidades teñen unha achega á produción forestal por baixo das súas potencialidades. A superficie de xestión pública (un 12,5 % do total, apenas aporta o 3,5 % da madeira) cando ten a favor os medios, e un tamaño medio de monte dunhas 220 hectáreas, fronte a menos de 0,5 no caso das parcelas particulares.
Asemade, deberían revisarse os aproveitamentos de enerxías renovables, habilitando as comunidades de montes para que poidan promover algún tipo de aproveitamento económico.
Por último o abandono do medio rural pon en xaque as comunidades veciñais —máis de 1.000, que agrupan 70.000 hectáreas que están xa abandonadas ou en risco de selo—, o que nos debe levar a unha seria reflexión sobre a xestión dos montes sen comuneiros.