Unha agrupación política, estatutariamente «organización plural, aberta e participativa», presentou a pasada semana no Parlamento varias preguntas. No fondo delas palpitaba certo desafecto valleinclanesco. Non é a primeira vez que a organización plural e aberta se manifesta contra o xenio galego. É difícil de entender. En calquera país do mundo sería un orgullo ter por paisano a Valle. A súa obra é moito máis galega que a que publican algúns adeptos á organización plural e aberta. O xenio dicía que naceu no medio da ría, dacabalo dun veleiro, e quizá ese foi o motivo do seu afán libertario e independente. Porén, non naceu no mar, senón en Vilanova de Arousa: o pazo dos seus avós maternos, a Casa do Cuadrante. Empuxárono a estudar Dereito en Santiago. Non foi alumno brillante. Era adicto dos paseos nocturnos e dos espirituosos mesturados con voces literarias, inspiradas, plenas de Galicia. En Compostela publicou os seus primeiros textos. Cruzou o Atlántico levando a terra pendurada do corazón e da escritura: inventou unha linguaxe propia, emanada do galego, que para os hermeneutas da súa obra constitúe unha das maiores virtudes. Despois das viaxes regresou a Pontevedra. Amaba aquela cidade evocadora e misteriosa. O profesor Jesús Muruais, e a súa biblioteca, forneceron ao mestre da novidosa literatura galega e europea. As tertulias, galegas, enriqueceron a súa vasta cultura. En Pontevedra publicou Femeninas en 1895, primeiro libro. Vive en Cambados. Despois, a Pobra do Caramiñal. Aí nace Divinas palabras. Finou en Compostela. De Galicia, en realidade, agroma toda a súa obra. A organización plural e aberta debía presumir de Valle. Agraviar o seu nome é un error.