Esperando a Meloni

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ANGELO CARCONI | EFE

04 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ideas extremistas, símbolos do neofascismo como a chama ardente ou a desculpa —non exactamente defensa— de Mussolini, fan temer dos fundamentos e das intencións da gañadora das eleccións italianas. Logo está o seu discurso de retórica ultrapatriótica, máis que as súas propostas, escasas e tan cambiantes que poden deparar calquera sorpresa. Finalmente están os actos xa coñecidos dos seus aliados, como o racista Salvini ou o putinista Berlusconi.

Meloni non fala do fascismo, insiste en que aquilo sucedeu hai cen anos. Iso dálle unha posición de vantaxe fronte aos que intentan combatela falando exclusivamente do pasado do fascismo, dende o pasado do antifascismo. Usos errados, teimosos, que banalizan a historia. Meloni é presente, non é pasado, ela quere falar do presente e dos seus problemas, aínda que eluda aludir ás solucións que propón. Non fala moito, prefire usar a imaxe e a comunicación efectista a través de todos os medios ao seu dispor. Nisto é igual que o Duce: posturas e fotos, accións chamativas, diferentes, novas. Quen a enfronta politicamente perde o tempo falando do pasado e reclamando antifascismo.

A historia non é o recordo do pasado nin a súa evocación memorial, senón a interpretación do pasado dende o presente para axudar a pensar historicamente o tempo que vivimos. A visión do pasado cambia tanto como cambia o presente. O presente muda para non ser pasado e a historia axuda a entender esa mudanza, para saber que nos diferenza do pasado, para discernir que debemos abandonar do pasado para adaptarnos aos cambios tecnolóxicos, económicos e sociais do presente. As inercias atan ao antifascismo a un pasado que xa pasou en Italia, do mesmo xeito que nos incapacitan fronte a habilidade tecnolóxica dos nosos fillos.

Non é doado entender que cambia no tempo presente. Onde vai a acción militar de Putin, saber que está mudando no presente, en que pode dar. Sabemos que escurece a democracia en canto pluralismo, equidade, liberdade e dereitos e favorece estrañas conexións de posicións extremadamente opostas. Ten pasado máis veces no pasado, precisamente no tempo da construción do fascismo histórico. Máis patria e menos sociedade, agochando as diferenzas sociais, foi chave entón. A patria salva aos desfavorecidos, ese é o discurso nuclear do fascismo: unha ideoloxía de tempos escuros de derrota moral e material, nos que a xente necesitaba moita esperanza e algún símbolo. Desfiles, uniformes, estandartes e vacacións, educación e descanso para a clase operaria foi unha solución daquela. Ademais, un inimigo exterior ben definido. No tempo de hoxe é a inmigración, tan visible. Actuar e construír novas propostas adaptadas aos problemas de hoxe é o difícil actualmente para os demócratas de esquerda e de dereita. O risco de Meloni é que mude as regras do xogo democrático, o campo normativo que garante o pluralismo. Orban xa o fixo levemente en Hungría. Haberá que estar atentos.