Europa

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Eliseo Trigo | EFE

29 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Europa era unha princesa. Raptouna Zeus. A historia é longa de contar, polo tanto falemos da outra Europa. Esa que pretende negar que douscentos barcos galegos saian a traballar. Todo por non danar os corais e as esponxas mariñas. Iso é o que din os ultraecoloxistas que argallaron este argumento que algúns científicos, biólogos reputados, negan de modo categórico. Porén, os ultraecoloxistas seguen co seu catecismo de sofismas. Se deixamos o mundo nas súas mans, aínda que sexa políticamente incorrecto declaralo, a Arcadia que coñecemos será gris e escura e triste. Estou seguro que as esponxas e os corais sobrevivirán aos douscentos barcos galegos que navegan, traballando de sol a sol, para que non falten alimentos nas súas mesas. Europa, ás veces, parece que non ten corazón. Ou que o seu corazón é de lata. Hai meses o Tribunal Xeral de Xustiza da Unión Europea, contestando a un par de preguntas prexudiciais da Audiencia da Coruña, sentou as bases doutro sofisma: a estabilidade do sistema financeiro está por riba da lóxica e da razón. Estou a falar do Banco Popular: unha institución que segundo os peritos do banco de España tiña una patrimonio superior a once mil millóns de euros. Ese banco foi vendido por un euro a outra entidade bancaria. Velaquí a xustiza europea. Esa Europa aos que moitos están a darlle as costas. O que sucedeu en Italia, sucedeu antes noutros países. A xente vota e, por desgraza, está votando tamén contra Europa. Unha nave á deriva. Un parque temático para facer turismo, pouco máis. Equivocámonos coa política enerxética e industrial (deslocalizando). Equivocámonos co ultraecoloxismo. As consecuencias son funestas. Europa. Antes era unha princesa.