Frei Luís

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

VICTORIA RACHITZKY

22 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos sitiados pola ausencia. Ausencia: acción e efecto de ausentarse ou de estar ausente; «Nos colmas de cuidados tristes con tu ausencia» (frei Luís de León). Tempo no que algún está ausente. Falta ou privación dalgunha cousa. Ausencia unida á tristeza e ao gran solitario que foi frei Luís, que non era de León (apelido do seu pai), senón de Belmonte. Aínda citamos ao agostiño frei Luís, que foi preso pola Inquisición por traducir O cantar dos cantares (froito do odio dos dominicos por terlles ganado a cátedra de Salamanca). Brillar pola súa ausencia: non estar presente no lugar que era de esperar. Dereito civil: condición legal da persoa da que non se ten noticia do seu paradoiro. Neuroloxía: perda breve do coñecemento, sen caída. Psicoloxía: distracción ou abstracción do ánimo con respecto á situación real. Estamos rodeados de ausencia. Sitiados, escribín arriba. Debemos aprender. Camiñar. Contemplar as presenzas vívidas e lindas. As cores da outonía e o recendo do viño nos lagares. Os ollos que miras e te miran. Os ollos que non queres mirar. Os malvados, esa especie por extinguir. Os ególatras, tamén. A beldade das follas verdes que agroman nas árbores queimadas, asasinadas, matadas. E resucitadas neste outono que comeza a andar. En cada paso que dás estás deixando atrás o pasado. Observa o horizonte. A liña que une ceo e mar, terra e ceo. Non convides a beizón de cada día á nostalxia. Non regreses á dor constantemente. Non sexas Proust. Le. E se non les, abandona por un momento a ditadura das pantallas. A outonía é tempo para convocar días felices, horas, minutos. O cantar dos cantares, tanta beleza. A ausencia, no fondo, é un verso de frei Luís.