Morrer en Balmoral

Ramón Villares CATEDRÁTICO DE HISTORIA CONTEMPORÁNEA DA USC

OPINIÓN

María Pedreda

15 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O principio do reinado de Isabel II de Inglaterra comezou nun dos territorios do inmenso imperio ultramarino británico. O final tivo lugar en Escocia, unha das catro nacións que compoñen o que explicitamente se define como Reino Unido. A enxurrada de noticias e opinións provocada pola súa morte está chea de lugares comúns, pero tamén de matices que non deben pasar desapercibidos. Entre eles, salienta o papel que desempeña a monarquía nun sistema político que ten o seu eixo central no Parlamento e no sistema de partidos, ademais de disfrutar dunha notoria popularidade, que é o máis difícil de conseguir nun sistema democrático por parte de quen non foi elixida. Pero o feito de que, talvez por un feliz acaso, a súa morte se producira no castelo de Balmoral, situado nas terras altas de Escocia, achega outros matices sobre a posición da monarquía inglesa no equilibrio entre as catro nacións que actualmente compoñen aquel reino. Por iso habería que reparar na reacción que tanto a sociedade escocesa como a súa ministra principal e líder do Partido Nacional Escocés, Nicola Sturgeon, manifestaron na primeira fase das exequias da raíña, celebradas precisamente en Edimburgo, onde o propio Parlamento escocés aprobou un texto no que se se recoñece que a finada monarca actuou durante o seu reinado como «a áncora desta nación» (escocesa).

Non é claro que estas palabras poidan ser ditas cando desapareza o seu sucesor Carlos III, nin se pode esquecer que unha das nacións integrantes daquel reino, Irlanda, loitou pola súa independencia a costa de se ver dividida, situación na que permanece. Pero abonda con saber que, alén dun extenso imperio, o Reino Unido posúe a capacidade política de recoñecer a pluralidade interior a través de moitos modos, desde o deporte ou os símbolos nacionais ata a institución monárquica. Todo isto non quere dicir que non haxa un debate sobre o papel da monarquía nin que o seu futuro estea libre de problemas, pero polo menos pode comprobarse que un dos seus valores «máxicos», como dixera Walter Bagehot, está neste papel simbólico de ser o vértice da diversidade. Á luz de de todo isto, ven de contado á cabeza o papel exercido pola monarquía no reino de España, onde nin os titulares da institución nin os dirixentes políticos dos seus territorios, sexan ou non nacións, serían capaces de asumir as palabras de Sturgeon. E o caso é que esta posibilidade non se fanou hai séculos, senón que nunca estivo máis cerca de poder ser desenvolvida que na ocasión da transición democrática e da creación dun estado autonómico. Non faltaron voces, nin xestos simbólicos, que camiñasen naquela dirección, proclamadas por dirixentes nacionalistas vascos e algún pai da Constitución e defensor do «principio monárquico». Pero tampouco se pode esquecer que as visitas dos monarcas españois, desde Alfonso XIII en diante, a diversos lugares de España (Cataluña e País Vasco, en especial) nunca acadaron o respaldo popular da monarquía británica.

Como mostra, a fotografía dunha das últimas aparicións públicas da raíña, na que está a saudar a nova primeira ministra, a súa boneca dereita ten unha cor morada que parece consecuencia do tratamento médico que recibía. Pequeno detalle que pode indicar que desexaba morrer en Balmoral no canto de se desprazar á residencia oficial de Londres. Fose ou non deliberado, o feito non puido ser máis acaído para reforzar vellos trazos da monarquía británica. Acostuma dicirse que España ou mesmo Alemaña son diferentes ou que seguiron un «camiño especial» no contexto europeo, pero non sería máis propio recoñecer que realmente diferente e mesmo singular é o modelo político e institucional británico? Tan singular que probablemente é imposible de imitar.