Aquel Gorbachov

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

20 sep 2022 . Actualizado a las 13:55 h.

Aquel Gorbachov de 1985, secretario xeral do Partido Comunista da Unión Soviética, que tres anos despois acadaría a xefatura do Estado, era amable, simpático e viaxaba acompañado de Raísa, a súa dona, muller fermosa e elegante. As dos antecesores só se viron con eles nos funerais e á de Andropov non lle deixaban achegarse ao cadaleito, que os responsábeis da seguridade non a coñecían.

Gorbachov engaiolou a Margaret Thatcher no primeiro encontro e a dama de ferro escribiu a Reagan: «É afable e ten encanto e humor». Era certo, mesmo o do humor. Na viaxe a Washington, en 1987, para asinar con Reagan o Tratado de Armas Nucleares, un xornalista comentoulle que nos EE.UU. calquera cidadán podía criticar publicamente ao presidente Reagan. Gorbachov respondeulle: «En Rusia tamén calquera cidadán pode criticar publicamente o presidente Reagan».

Gorbachov quixo reformar o comunismo na Unión Soviética coa perestroika, un conxunto de medidas políticas e económicas, pero fracasou. En Europa díxose que as reformas chegaran tarde, pero Andrey Vilenovich, director da Fundación Gorbachov de Moscú, afirma que a perestroika puido salvar a Unión Soviética se os líderes independentistas de Rusia, Ucraína e Bielorrusia non se encirrasen en rompela. Gorbachov ofreceulles a transformación da URSS nunha confederación, e non aceptaron. A falta de apoio popular á democratización que a perestroika supuña explícaa Vilenovich porque a poboación, despois de décadas de ditadura, non sentía a necesidade da liberdade. Algo diso pasou en España nos anos convulsos do último franquismo, cando xente de orde repetía un argumento da prensa do Réxime: «Eu non necesito a liberdade. Eu non son un intelectual». Porén, o economista Yuri N. Maltsev, que traballou no equipo de reforma económica da perestroika, dá outra xustificación: «Gorbachov non tiña idea de economía e as súas medidas foron paus de cego que empobreceron máis aínda a poboación». O que non se discute é que deter o independentismo e facer as reformas só podía conseguirse pola brava e Gorbachov non quixo: «Iamos á guerra civil e eu debía evitala. Renunciar foi a miña vitoria».

Gorbachov era un comunista atípico que en 1989 visitara o papa, tratárao de «santidade» ante os xornalistas e definírase como «ateo non practicante». Era algo máis porque en 2008 fíxose católico en Asís, despois de visitar a tumba de San Francisco. En 1991 celebrouse en Madrid a Conferencia de Paz en Oriente Medio. O presidente Bush comentoulle a Felipe González que os servizos secretos de EE.UU. sabían que Gorbachov tiña os días contados como mandatario. Pensaron que debería sabelo e pedíronlle ao rei Juan Carlos que o informase. O rei invitou a cear aos tres e díxollo. Gorbachov riu e comentou: «Parece que o meu é máis grave do que pensaba». Era o 31 de outubro e o 25 de Nadal tivo que dimitir.