Merecemos un raquetazo

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Manuel Lorenzo | EFE

05 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Que necesaria é a perspectiva. Mirar ao lonxe, aos demais, esquecer o embigo. Cadaquén ten as súas estratexias para logralo, ás veces descoñecidas. 

Está rematando o verán e case todos, dun ou doutro xeito, tivemos algún día de vacacións. Todo se mira con outros ollos cando o único que pretendemos é iso, mirar. Quizais sexa o único xeito de facelo: parar a observar. Recoñezo que deterse ás veces é complicado, mais cando o conseguimos... é coma se os ollos espertasen á súa misión.

Vin lugares fermosos, tamén desastres. Lixo polo chan, beirarrúas desfeitas, redes de abastecemento e saneamento ao aire, cruces de liñas eléctricas debuxando no aire filigranas imposibles, combustibles carísimos (máis que aquí e sen descontos), ultramarinos con prezos desorbitados, pintadas horribles en muros antes brancos, contedores cheirentos no medio de patrimonios excepcionais e itinerarios urbanos insalvables, polas barreiras arquitectónicas, para persoas con dificultades de movemento. Luz e auga a prezo de ouro. Caras tristes.

Quizais non vivamos tan mal aquí, pensei. O que pasa é que estamos tan afeitos a protestar que non valoramos nada do bo. Niso nos convertemos, en esixentes profesionais, en ingratos crónicos, en cidadáns desagradecidos.

Nada ten que ver con deixar de reclamar e coa busca do progreso, mais debemos facelo desde o propio esforzo tamén. Porque calquera día, cando menos o pensemos, vainos caer un raquetazo no nariz. E merecémolo, por xogar mal durante un tempo, como di Nadal.