A luz do peto

OPINIÓN

M.MORALEJO

02 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Precisaría de todo o espazo deste artigo para dar conta do abano de funcións que no pasado tiña que facer un policía municipal e que hoxe son totalmente alleas ao corpo. Con todo, unha das que máis me chamaba a atención era a de ter que abandonar moitas noites de inverno a calor das sabas para apagaren cun pau longo o alumeado público. Se cadra, por iso, cando a electricidade era un ben e non un privilexio, o meu pai adoitaba chamarnos a atención á miña irmá e a min se deixabamos algunha luz acendida, o mesmo que se botamos ao lixo un anaco de pan. Daquela, nós viámolo coma unha manía de papá que, con certeza, non tiña outro obxectivo que a saúde do peto familiar. Co paso do tempo, eu herdei esa sorte de teima e aínda sigo, como tanta xente, reprendendo as fillas para que apaguen e non abusen da luz. Agora, teño ao meu favor varios motivos de peso que van dende os prezos desorbitados das eléctricas a unha concienciación para loitarmos contra o cambio climático. Por iso, teño para min que a vella manía do meu pai nunca tivo tanta razón de ser coma nestes días. E pregúntome que diría se vivise diante da rebeldía de moita xente para aplicaren o plan de aforro enerxético poñendo escusas como a inseguridade, a economía ou o turismo. Entendería ao socialista Abel Caballero por avisar con tempo que el manterá prendidas as luces de Nadal na cidade olívica porque non quere condenar a sectores económicos de grande importancia? Vería lóxico poñer o sector turístico e o comercio por diante dunha emerxencia enerxética que afecta a toda Europa? Pois non estou tan certo. Quero pensar que o seu sentido común non lle faría caer na tentación de salvar o peto antes que o planeta.