Hoxe, co gallo da súa morte, todos salientan que Mijaíl Gorbachov foi unha das figuras máis importantes nos grandes cambios políticos que experimentou o mundo a finais do século XX. E é certo. Pero as consecuencias da súa contribución a eses cambios foron de moi diferente signo segundo o lado do mundo que contemplemos. Parafraseando o dito popular, houbo cal para uns e area para outros.
O cal caeu case todo, sen querelo Gorbachov, do lado do chamado daquela Primeiro Mundo, ou para ser máis precisos, en beneficio das maiores democracias capitalistas, e nomeadamente dos EE.UU., Reino Unido e Alemaña. A fin da Guerra Fría, que el propiciou, permitiu a reunificación de Alemaña e a incorporación ao bloque occidental dos socios menores do Pacto de Varsovia. E o máis importante: a desintegración da URSS eliminou un poderoso rival que, con independencia das súas graves eivas internas de todo tipo, constituía un contrapeso mundial que limitaba, e moito, o dominio e a capacidade de expansión do outro sistema. Esta alteración radical do mapa político acelerou a globalización da economía e a evolución do capitalismo dende o modelo trufado de socialdemocracia light, pensado precisamente como antídoto do «comunismo», a outro «neoliberal», isto é, cada vez máis desregulado e privatizador de todo, e cada vez menos compasivo coa seguridade laboral e as necesidades vitais dos asalariados, Welfare State incluído. Menos clara foi a expansión da auténtica democracia política, como podemos comprobar hoxe en case todos os países que tiveron sistemas soviéticos ou similares.
E a area foi para o destinatario principal das reformas emprendidas por Gorbachov. E non porque este o pretendese, senón porque ás veces de boas intencións está empedrado o inferno. El quixo democratizar e modernizar o sistema soviético, consciente de que era necesario cambialo porque estaba estancado no económico e podre no político. En certo sentido intentou volver ás orixes, á vella utopía do primeiro marxismo, na que liberdade política e igualdade socioeconómica serían dous ingredientes inseparables da futura sociedade socialista. Pero, como ben sabemos, o único que conseguiu, ademais de desfacer o imperio soviético, foi que, logo duns breves inicios esperanzadores, se iniciase unha deriva que de entrada derrubou ao propio Gorbachov e despois, primeiro con Boris Yeltsin e despois con Vladimir Putin, acabou nunha ditadura de facto, administrada por unha oligarquía cleptómana, herdeira en boa parte da nomenklatura «comunista».
Por que? Como é posible que o pobo ruso, unha vez liberado das poutas dos netos dos bolcheviques, non abrazase con entusiasmo a liberdade e imitase ao próspero Occidente en todo? Pois porque as democracias non poden consolidarse se non se dan non só unhas determinadas «condicións materiais» que diría o vello Marx, senón ademais uns valores políticos socialmente maioritarios que non xorden da noite á mañá. E nada diso había na URSS en 1990. Como non o había nos moitos Estados nados en 1918-1919 na Europa de Entreguerras como consecuencia das desintegracións dos imperios austro-húngaro, ruso e otomano e aos que os vencedores dotaron de flamantes constitucións democráticas para que todos, menos Checoslovaquia, acabasen poucos anos despois en ditaduras dun ou doutro tipo. Como non había na Rusia de 1917 o grao de desenvolvemento teóricamente imprescindible para construír a sociedade socialista soñada e así saíu o enxendro que saíu. A isto cómpre engadirmos, no caso da URSS, a fonda ferida que supuxo para o orgullo do pobo soviético pasar de gran potencia a país problemático de segunda división (agás no nuclear). Un caldo de cultivo perfecto, como na Alemaña dos anos trinta, para que un nacionalismo agresivamente restaurador faga aceptable, e mesmo desexable, para a maioría un sistema político autoritario encabezado por un führer aparentemente forte.
E nesas estamos. Moi lonxe do que pretendía Gorbachov, político ben intencionado pero non moi avisado á hora de entender o seu propio país.