Lección de agosto

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

np

25 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Penso estes días nos outros. Eses que non aparecen nos noticiarios, que non tomaron tapas con godello e vistas ao mar, que botaron de menos os bicos dos fillos e dos netos, que choraron sós e solitarios e soamente, que ás oito da tarde ceaban (dous bocados e sen apetito) no seu cuarto de hospital. Tamén nos que estaban de garda vinte e catro horas, que acendían as sereas con luces azuis correndo estradas e camiños, que curaban.

Penso nos que non souberon desamarrar as cordas da tristeza. Os que contemplaban cada mañá, azul e luminosa, como un canto de esperanzas sen esperanza. Penso nos outros, caladamente. E escribo deles apertando os dedos contra as teclas. Para saber que existen, aquí, ao noso carón. Os outros son maioría, aínda que non o pareza. Pero non os vemos.

Algún día construiremos unha illa, rodeada de dentes con cristal, para que moren os outros. E o mundo permanecerá impasible ignorando que eles son parte de nós, desta sociedade tan perfecta en tempo de estío: rostros broncíneos, dieta mediterránea (que expresión tan absurda para os galegos!), redes sociais que conectan con ningún abrazo. Sociedade perfecta. E tan imperfecta e sometida.

Un país non pode vivir de costas a si mesmo. Pero vive. Mesmo falamos de «estado do benestar» como se o benestar fose unha cuestión de gastos e subvencións. Pero o benestar só vive no noso interior. Baleiro tantas veces. E tantas veces exultante, alegrísimo. Teño a sensación de que borramos todo o que non encaixa no noso ideal de vida. Son os mundos paralelos. Existen. Aínda que non os vexamos. Pero existen. Os outros, estes días, escriben esta columna de xoves como unha lección de agosto. Unha lección de amor.